O Concello sarrián fixa un orzamento para a residencia de 1,3 millóns de euros

Supón unha subida do 34% con respecto a 2015, ano das últimas contas. O pleno terá que darlle o visto e prace
photo_camera Residencia de maiores a Nosa Señora do Carme de Sarria. AEP

O goberno sarrián presentou este luns na xunta reitora da residencia de maiores Nosa Señora do Carme un borrador de orzamento s para este ano, que alcanzan a contía de 1.346.332 euros. Supón un incremento do 34,6% con respecto a 2015, cando se aprobaron as últimas contas do xeriátrico e desde entón traballa con elas prorrogadas, do mesmo xeito que o Concello.

No capítulo de gastos o maior importe destínase a persoal (993.132 euros). Outros 353.200 corresponden a gastos correntes, nos que se inclúen desde o mantemento das instalacións e maquinaria ata a adquisición de alimentos e produtos farmacéuticos e sanitarios.

No orzamento non se contemplan investimentos, pois estas incorpóranse nas contas do Concello, segundo explicou o presidente da xunta reitora, Benjamín Escontrela.

En canto a ingresos, a residencia só ten os correspondentes ás taxas dos usuarios, que este ano se prevé que somen 1.004.500 euros. A cifra calculouse tendo en conta a liquidación do último exercicio e a actual ordenanza, sen subidas do índice de prezos ao consumo (IPC).

O centro presenta, desta forma, un "déficit" de 341.832 euros, que ten que ser asumido polo Concello, apuntou Escontrela. As instalacións non dispoñen de axudas de ningunha outra administración pública, como Xunta de Galicia, a pesar de que esta, queixouse o goberno, ten a competencia na atención asistencial.

A oposición pediu a participación da interventora para explicar as contas e o PP, ademais, volveu criticar o gasto do Concello en renting. Finalmente o borrador contou cos votos a favor do goberno e a abstención de populares e BNG, mentres que PSOE non asistiu ao encontro.

Isto non supón que recibise luz verde, pois agora o orzamento da residencia terá que ser levado a un pleno, xunto ás contas do Concello, para sometelo a votación e ser aprobado ou non.

Durante a sesión, que foi telemática, Escontrela informou á oposición que están a elaborar un "estudo de viabilidade" para a ampliación do xeriátrico, cuxas instalacións quedaron "pequenas" para un concello como Sarria. O centro ten lista de espera.

A idea é que se incrementen as prazas ata "polo menos as 150" fronte ás 90 actuais e que a residencia conte tamén con centro de día e a posibilidade de ofrecer estancias temporais. Para executar a obra habería que, apuntou o edil, buscar financiamento doutras administracións.

Expón unha subida do 6% nas cotas polo IPC
A xunta reitora abordou tamén unha subida do 6,1% das cotas dos usuarios para actualizalas ao IPC. Este non se aplica, explicaron, desde 2015. Neste período subiu un 12,4%, aínda que o goberno local propuxo aumentar só o correspondente a este ano, que é do 6,1%.

Desta forma, a cota de válido incrementaríase en 36,49 euros ao mes (pasando a ser de 634,64), a de semiasistido en 49,75 (865,40), e a de dependente en 69,60 (1.210,01 euros).

PP e BNG, que se abstiveron na votación, consideran que non é o momento de subir taxas ante a crise económica. Pola súa banda, Escontrela defendeu que é "de xustiza" porque non todos os cidadáns teñen que pagar cos seus impostos a residencia cando non son usuarios.
 

Comentarios