O Concello rescinde o contrato de ampliación do cemiterio de Sarria

As obras para construír máis de 200 nichos están paralizadas desde fai máis dun ano
Las obras del cementerio de Sarria están paralizadas desde octubre de 2018. PORTO
photo_camera As obras do cemiterio de Sarria están paralizadas desde outubro de 2018. PORTO

A xunta de goberno local de Sarria aprobou este mércores a rescisión definitiva do contrato de ampliación do cemiterio municipal, cuxas obras están paralizadas desde hai máis dun ano.

Os traballos comezaron en xullo de 2018, pero foron parados en outubro ao considerar a directora de obra e arquitecta técnica municipal que era necesario modificar o proxecto por carecer "de partidas esenciais para a correcta e completa execución". Ante iso o Concello iniciou a rescisión do contrato, ao que a empresa adxudicataria non presentou alegacións. A administración local terá agora que indemnizala co 3% da diferenza existente entre a contía na que foi contratada a ampliación e as obras que xa foron abonadas.

O goberno local estuda agora que facer coa ampliación da necrópole, na que estaba proxectada a construción de 264 nichos. Un informe de secretaría do pasado febreiro sinalaba que se debería resolver o contrato, redactar un novo proxecto e volver sacar a licitación as obras.

Estes polémicos traballos incluso levaron a que o pasado mes de xaneiro se celebrase un pleno extraordinario. Naquela sesión púxose de manifesto que a modificación do proxecto da necrópole terá un custo de 79.450 euros (máis Ive).

As obras de ampliación do cemiterio son moi demandadas polos veciños, xa que a necrópole non dispón de nichos libres e a administración local ten ao redor de 300 solicitudes de sepulturas.

A xunta de goberno aprobou trámites para a compra da Casa da Carmiña

Doutra banda, a xunta de goberno local deu luz verde ao prego de cláusulas administrativas que rexerán a compra da coñecida como Casa da Carmiña e dun solar e un pequeno inmoble, situados nas súas proximidades.

CONSISTORIO. Estas propiedades son colidantes coa casa consistorial e o Concello quere adquirilos para ampliar as dependencias municipais. Á compra da Casa da Carmiña está previsto que destine 100.000 euros, mentres que ao resto de bens dedicará 17.000.

Para a adquisición destas propiedades a corporación aprobou nunha sesión en agosto unha modificación de crédito. O pleno xa dese o visto e prace por unanimidade en 2017 a unha moción para facerse con este inmoble.

Na xunta de goberno tamén se deu conta dun escrito da Deputación sobre a xustificación das obras da piscina cuberta. Segundo o goberno, existen discrepancias sobre a xustificación de 1.000 "e pico euros". O asunto deixouse sobre a mesa á espera de que se aclare.

Na sesión tratáronse varias licenzas de obras, entre elas unha dunha empresa de telefonía para instalar cableado entre a Avenida de Becerreá e Vilar de Sarria e outras dúas dunha firma de subministración eléctrica para a construción dunha rede en San Martiño de Requeixo e Vilar de Sarria.

Comentarios