domingo. 29.03.2020 |
El tiempo
domingo. 29.03.2020
El tiempo

O Concello reparará pingueiras no pavillón polideportivo de Oural con 54.000 euros

Pingueiras en 2014 no pavillón.
Pingueiras en 2014 no pavillón.
A obra inclúese nunha modificación de crédito, na que tamén contempla arranxar un derrube nun viario de Cesar

O Concello sarrián reparará pingueiras no pavillón polideportivo de Oural, para o que destina unha partida de 54.226 euros. Esta contía inclúese nunha modificación de crédito por un importe total de 120.922 euros que o goberno levará o vindeiro xoves a un pleno ordinario.

As instalacións de Oural presentan pingueiras e problemas de condensación, polo que técnicos estudaron a situación para dar cunha solución. Segundo indicaron, a cuberta do pavillón sofre un desprazamento, o que provoca que chova no interior das instalacións.

Estas son utilizadas polos alumnos do colexio Antonio Fernández López da localidade. Tamén as empregan equipos para xogar algún partido de fútbol, aínda que cada vez é menor a actividade ante a situación na que se atopa a construción. O Concello espera emendar canto antes os danos, o que é unha demanda dos pais dos alumnos.

Para dar unha solución ao problema das pingueiras do pavillón, o Concello xa executou unhas obras no ano 2014, cando foi financiada cunha partida de 19.000 euros procedente do Plan de Obras e Servizos (POS) da Deputación Provincial de Lugo.

Naquel momento o mal estado que presentaba o polideportivo obrigaba aos usuarios a colocar numerosos cubos en varios puntos, como na entrada das instalacións ou nos baños. Entón o Concello reparou a zona da cuberta que presentaba maiores danos, emendando parte das pingueiras.

DESPRENDEMENTO. Doutra banda, na modificación de créditos que irá o xoves a pleno contémplase tamén unha partida de 64.196 euros para o arranxo dun derrube ocorrido na estrada que comunica os núcleos de Pape e Arxevide, na parroquia de Cesar.

Esta pista sufriu un desprendemento o pasado mes de decembro, o cal foi ocasionado polas intensas choivas. O derrube levou unha boa parte da calzada. Desde entón a estrada permanece cortada ao tráfico de vehículos, xa que na actualidade pola pista apenas hai sitio para que pase un turismo.

Na última xunta de goberno, celebrada a pasada semana, aprobouse unha memoria para executar estas obras de construción dun muro de dique e a reposición da vía.

Ademais destas dúas actuacións, na modificación de crédito inclúese unha pequena partida para o abono de intereses correspondentes a sentenzas xudiciais. Este asunto é un dos principais puntos da orde do día do pleno, que terá lugar o xoves ás 19.30 horas.

O Concello reparará pingueiras no pavillón polideportivo de Oural...
Comentarios