O Concello de Sarria reclama a través do Boe o pago de preto de cincuenta multas de tráfico

As infraccións, producidas no centro urbano, supoñen un montante de máis de 8.500 euros

O Concello de Sarria reclama a través do Boletín Oficial do Estado (Boe) o pago de preto de medio centenar de multas de tráfico por infraccións cometidas no centro urbano da vila, que supoñen un montante de máis de 8.500 euros.

A notificación produciuse o pasado día 25 e faise a través do Boe ao non ser posible a comunicación persoal aos infractores polas canles habituais. En 38 dos casos, infórmaselles da incoación de expedientes sancionadores e outros seis corresponden á resolución final. Ademais, unha empresa e unha persoa son requiridas polo Concello para que identifiquen ao condutor do vehículo multado.

A maioría das sancións producíronse por paradas ou estacionamentos incorrectos, pero tamén as hai por non levar o cinto de seguridade ou sistemas de retención infantil. A gran parte delas foron cometidas en 2017 e no primeiro trimestre deste ano, pero tamén hai algunha de 2016.

Case todas as sancións teñen un importe de 200 euros, aínda que tamén se contabilizan catro infraccións que son penalizadas cunha contía de 100 euros e outras dúas con 80. No caso de oito das multas levan tamén para os condutores a perda de tres ou catro puntos.

As sancións foron impostas en diversas rúas de Sarria, como Matías López, Benigno Quiroga, Calvo Sotelo, Praza de Galicia, Diego Pazos, José Antonio, Marquesa Casa López, Insuas, Gran Vía, Músico Chané ou Rías Baixas. Algúns condutores contan con varias multas.

PRAZO ABERTO. Os infractores contan agora cun prazo para presentar recursos ou alegacións, identificar ao condutor ou ben abonar as sancións cunha redución do 50 por cento, segundo recolleu o Boletín Oficial do Estado. O prazo aínda se atopa aberto.

As multas foron impostas pola Policía Local por infraccións do regulamento de circulación e son enviadas a unha empresa de Pontevedra que o Concello ten contratada desde hai varios anos para que se encargue da tramitación das sancións. O pago das mesmas faise a través dunha conta do Concello.

Hai seis meses, a Administración municipal xa notificou a través do Boletín Oficial do Estado máis de 70 multas de tráfico. Neste caso superaban os 12.000 euros e algunhas tamén levaban a perda de puntos.

Requiridos dous propietarios para retirar os seus vehículos

O Concello sarrián tamén requiriu a través do Boletín Oficial do Estado a dous propietarios para que procedesen a retirar os seus vehículos dos lugares nos que se atopaban, para o que lles outorgou un prazo de quince días, xa finalizado.

Depósito
Nestes casos, se os donos non os restiran, o Concello encárgase de trasladalos ás instalacións do depósito municipal para o seu tratamento como residuo urbano.

 

Comentarios