O Concello proxecta un paseo na estrada LU-621 en Láncara

Pedirá unha axuda do GDR para a obra, que terá un custo duns 100.000 euros

O Concello lancarés proxecta a creación dun paseo na estrada LU-621, que comunica A Pobra de San Xiao e Baralla, ao seu paso por San Pedro de Láncara.

O Concello calcula que as obras terán un custo duns 100.000 euros, aínda que está pendente da elaboración do proxecto. Para financiar os traballos solicitará unha axuda ao Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Montes e Vales Orientais.

A actuación foi levada ao último pleno do Concello, no que a corporación aprobou por unanimidade solicitar á Xunta de Galicia que poña a disposición da administración local os terreos que se precisan para executar as obras, ao ser a LU-621 de titularidade autonómica, e autorizar ao alcalde a levar a cabo as xestións oportunas para a materialización deste paseo.

Os traballos afectarán a un tramo da estrada LU-621 comprendido entre os puntos quilométricos 9,900 e 10,106, nunha zona na que se atopan varios negocios, como establecementos hostaleiros e un supermercado. O Concello prevé que esta sexa unha primeira fase da humanización da vía en San Pedro de Láncara.

ACTUACIÓNS. O obxectivo é acondicionar a zona dotándoa de beirarrúas "para o paso seguro dos peóns", buscándose conseguir "a adaptación á contorna natural que circunda, empregando pavimentos terrizos, pedra...", segundo recolle a proposta levada ao pleno. Con estas beirarrúas ampliarase o ancho da estrada aos dez metros, polo que haberá que executar no lado dereito da estrada un muro de contención de terras.

O Concello proxecta acondicionar espazos de aparcadoiro enfronte dos establecementos e buscar unha mellor localización para a marquesiña do autobús, a cal tamén será substituída. Ademais, inclúese a dotación de mobiliario urbano e o pintado de pasos de peóns.

Comentarios