O Concello de Paradela sinaliza os principais lugares de interese turístico

Colocáronse uns 30 indicadores e tiveron un custo de preto de 40.000 euros, financiados por Turismo

Una de las señales en Paradela. PORTO
photo_camera Unha dos sinais en Paradela. PORTO

O Concello de Paradela levou a cabo a sinalización dos principais recursos turísticos do municipio. A actuación contou cun orzamento de 39.980 euros e executouse en virtude a un convenio de colaboración asinado o pasado mes de outubro entre a Axencia de Turismo de Galicia e o Concello. Os traballos foron financiados integramente polo organismo autonómico.

O Concello instalou ao redor de 30 sinais, tanto turísticas como informativas, segundo explicou o alcalde, José Manuel Mato. Estas sitúanse na capitalidade municipal e distintas parroquias do concello.

Os indicadores situáronse en todos "os lugares significativos turisticamente" do concello, afirmou o rexedor. Estes sinalizan puntos de interese patrimonial, como son o complexo de San Facundo, o cruceiro de San Miguel de Paradela ou a igrexa de Castro de Rei de Lemos, que foi restaurada recentemente.

Tamén se indicaron muíños, como o da Retorta. Os novos sinais, ademais, destacan o miradoiro de Cabodevila -situado nun cabo na ribeira do Miño que protexe a desembocadura do río Loio no Miño-, o Espazo Natural de Interese Local (Enil) Loio-Ruxidoira ou a Pena Ventureira. Este último lugar sitúase na parroquia de Castro de Rei de Lemos e é o punto máis alto do municipio, con 838 metros.

O Camiño de Santiago xoga un papel destacado neste concello, polo que se indicou, por exemplo, o albergue de Ferreiros, parroquia que está situada a 100 quilómetros de Compostela.

Con esta nova sinalización o Concello busca pór en valor os recursos turísticos do municipio.

Comentarios