O Concello mellora a entrada do Camiño de Santiago en Sarria

A actuación, cun investimento de 25.000 euros, consiste en acondicionar unha área de descanso que se atopaba deteriorada
undefined
photo_camera A entrada do Camiño de Santiago a Sarria. PORTO

O Concello mellora a entrada a Sarria do Camiño de Santiago, pondo en valor esta zona pola que cada día discorren centos de peregrinos. A actuación ten un custo de 25.000 euros, para a que dispón dunha axuda de 15.000 de Turismo de Galicia e a contía restante é achegada polo Concello.

Os traballos buscan "darlle un encanto" e "un realce" a esta área de descanso, situada en Vigo de Sarria, dando así tamén unha mellor imaxe aos camiñantes na súa chegada á vila, segundo sinala o alcalde, Claudio Garrido, O lugar atopábase deteriorado e era incluso utilizado para estacionar vehículos.

A zona conta agora con céspede, con rega automática, e está pechado cun valado de madeira para evitar que coches ou camións aparquen. Tamén se adecuou a fonte xa existente, que agora dispón dun acceso pavimentado con lousa.

O proxecto incluíu acondicionar o propio Camiño, diferenciándoo así do resto da zona verde e conectándoo coa beirarrúa de Vigo de Sarria. Ademais, movéronse dous paneis informativos do municipio, que foron limpados e colocada unha cuberta de madeira e lousa.

Mesas e bancos. Para rematar, os traballos contemplan a instalación de dúas mesas, as cales xa se atopaban na área de descanso e foron rehabilitadas. Ademais, colocaranse bancos e unha papeleira.

Está previsto que a actuación finalice este xoves. O Concello estuda levar a cabo nunha segunda fase o acondicionamento do Camiño de Santiago desde esta área de descanso ata o cámping, explica o rexedor. O obxectivo sería adecuar o itinerario diferenciándoo da calzada e evitando así que estacionasen vehículos nel.

Comentarios