O Concello licita por 80.000 euros a mellora de catro viarios de Sarria

As actuacións executaranse en pistas das parroquias de Lousadela, Santa María de Vilar, San Mamede da Chanca e Cesar
2020081512540711413
photo_camera Pista do núcleo de Padriñán. DMP

O Concello de Sarria dedica 82.191 euros á mellora do pavimento de catro viarios das parroquias de Santo Estevo de Lousadela, Santa María de Vilar, San Mamede da Chanca e San Salvador de Cesar, obras que sacou a licitación esta mesma semana.

Os traballos son financiados con cargo ao plan marco de mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas 2020-2021 da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader). Por este programa da Xunta ao Concello sarrián correspóndenlle 66.435 euros -divididos en dúas anualidades-, mentres que a administración local terá que achegar a contía restante.

Con estes fondos actuarase en 2.200 metros do viario de acceso a Tosal (Lousadela), 450 do de Padriñán (Santa María de Vilar), 500 na Chanca (San Mamede dá Chanca) e 900 metros na pista de Pape (Cesar). No caso desta última vía trátase de dous tramos. As catro estradas atópanse "bastante deteriorados", con fochancas e gretas.

Os traballos consistirán no varrido e a limpeza do pavimento existente e o bacheo das zonas rotas. Finalizarán dando unha dobre rega asfáltico sobre o firme existente, tal e como indica o proxecto da actuación.

DOUS MESES DE PRAZO. As obras terán unha duración máxima de dous meses. O prazo límite para executar e xustificar os investimentos correspondentes á anualidade 2020 será o 18 de setembro, mentres que para a de 2021 o prazo pecharase o 4 de xuño.

O expediente de contratación destes traballos foi aprobado nunha xunta de goberno extraordinaria celebrada o luns, tras o que saíron a licitación. As empresas interesadas en presentar as súas ofertas poden facelo ata a 14.00 horas do próximo día 25. Deberán facelo a través do Sistema de Licitación Electrónica da Xunta (Silex) da Consellería de Facenda.

Comentarios