O Concello lancarés outorga licenza para o parque eólico Montes de Abella

O Concello deu o permiso para instalar tres aeroxeradores, actuación que suporá un investimento de 4,5 millóns de euros

Vista del paque eólico de Montouto. AEP
photo_camera Un parque eólico. AEP

O Concello lancarés concedeu este mércores a licenza municipal ao parque eólico Montes de Abella para a instalación de tres aeroxeradores, obra que terá un investimento de máis de 4,5 millóns de euros.

Agora está pendente de outorgarlle o permiso para a subestación, para o que se atopa pendente dun informe da Consellería de Medio Rural. O parque tamén está á espera de recibir a licenza municipal para levar a cabo as canalizacións, sinalou o alcalde, Darío Piñeiro.

As instalacións estarán compostas por cinco aeroxeradores, pero dous deles situaranse en terreos do concello do Incio. A infraestrutura é promovida por Inverólica de Abella.

Para a instalación dos aeroxeradores a empresa dispón dun prazo de execución de seis meses e prevese que o parque poida estar en funcionamento a finais de ano, segundo o rexedor. Este destacou que a concesión do permiso para os tres aeroxeradores suporán uns ingresos para as arcas municipais de 139.500 euros. Trátase, dixo, da licenza "máis importante" concedida polo Concello.

A estes ingresos haberá que sumar no futuro o imposto de bens inmobles (Ibi) de características especiais que terá que abonar o parque e o imposto de actividades económicas. Por mor da súa instalación o Concello poderá optar a unha liña de axudas directas de fondo de compensación ambiental.

O alcalde aclarou que a concesión da licenza municipal para instalar os aeroxeradores non entra no dereito de propiedade, pois iso corresponde aos donos dos terreos negocialo coa empresa promotora.

Piñeiro mostrouse satisfeito porque salga adiante o proxecto do parque eólico, pois foron "moitas reunións e horas de traballo para os funcionarios ao ser unha licenza moi complexa". Tamén subliñou que suporá a creación de postos de traballo.

ESTRADA. Doutra banda, a xunta de goberno de Láncara aprobou o prego para sacar a licitación a mellora do firme da estrada do núcleo de Reboredo, na parroquia de Bande. A actuación ten un orzamento de 28.000 euros, dos que o 60 por cento é achegado por Presidencia e o resto polo Concello.

Ademais, o alcalde anunciou que se sacou a concurso a reforma do viario de Montixo a Xunqueira, cun custo de 25.000 euros e financiada con fondos municipais. O rexedor adiantou que a próxima semana licitarase a instalación dunha caldeira de biomasa na biblioteca. A obra ten un orzamento de 9.000 euros, dos que o 80 por cento correrán a cargo dunha axuda da Xunta e o resto polo Concello.

As achegas do Concello para a reforma do viario de Reboredo e instalar a caldeira de biomasa estaban incluídas nunha modificación de crédito aprobada en pleno. O rexedor criticou que o PP non votase a favor desta. Por iso, ve "lamentable que o delegado da Xunta veña inaugurar obras e que o PP se absteña nas votacións para dotalas de crédito". "Dígalle ao seu portavoz que vote a favor e apoie os investimentos para que logo vostede veña inaugurar as obras", pediulle ao delegado.

Potencia
Unha instalación de 14 megawatts


O parque eólico Montes de Abella terá unha potencia de 14 megawatts e o seu orzamento total roldará os 12 millóns de euros.
Calcúlase que a produción anual aproximarase aos 53.000 megawatts.
Estas instalacións foron declaradas de interese especial pola Xunta de Galicia o pasado mes de decembro, do mesmo xeito que outros dous parques da comarca de Sarria. Estes situaranse no municipio de Paradela e sumarán 27 aeroxeradores e unha potencia de 54 megawatts. Son promovidos por Endesa e suporán un investimento de preto de 60 millóns de euros.
 

 

Comentarios