O Concello de Láncara colaborará cun mozo enfermo sen diagnóstico

O Concello asumirá o custo dun monitor que o acompañe ás actividades de verán organizadas polo ente local e do material ortopédico necesario
undefined
photo_camera Representantes do PSOE e do goberno local, con Ana López. EP

Representantes do goberno de Láncara e do PSOE reuníronse onte coa veciña Ana López Alonso, quen iniciou unha campaña a través de www.osoigo.com, dirixida ao Congreso, para dar maior visibilidade aos enfermos sen diagnóstico e solicitar máis investigación e axudas. No encontro, o Concello comprometeuse a axudar ao seu fillo, cunha doenza sen diagnosticar.

O Concello asumirá o custo dun monitor que o acompañe ás actividades de verán organizadas polo ente local, "a pesar de que se trata dunha competencia da Xunta". Ademais, sufragará, a través das axudas sociais do Concello, o custo do material ortopédico que precisa.

Na reunión participaron a portavoz de sanidade do PSOE no Congreso, Ana Prieto; o secretario de organización do PSDEG, José Antonio Quiroga; o alcalde, Darío Piñeiro; e os concelleiros Begoña López e Pablo Rivera.

Estes mostraron o seu apoio a Ana López e ao seu fillo. "Sabemos que a súa situación é complexa, pero traballaremos desde todos os ámbitos para que poidar ter unha vida digna, apoiando en todo o que poidamos a súa familia". Desde o PSOE comparten coas asociacións de enfermos "a necesidade de mellorar a atención sanitaria que reciben estes pacientes, hai que mellorar na prevención e no diagnóstico precoz". Apostan por seguir avanzando en integrar as enfermidades raras "na planificación global da cobertura universal de forma efectiva".

Comentarios