O Concello investirá 88.000 euros na reforma das pistas do Chanto

A actuación finánciase co plan único, que tamén destina fondos á Rúa Diego Pazos

Recreación del aspecto que presentarán las pistas deportivas de O Chanto tras la remodelación. EP
photo_camera Recreación do aspecto que presentarán as pistas deportivas do Chanto tras a remodelación. EP

O Concello de Sarria acometerá unha remodelación das pistas deportivas do Chanto cunha partida de 88.000 euros, dos cales 65.000 corresponden ao plan único da Deputación de Lugo e o resto finánciase con cargo ás arcas municipais.

Segundo explicou o concelleiro de deportes, Efrén Castro, a reforma afectará ás pistas de baloncesto e fútbol sala, as cales rexistran numerosos usuarios, a pesar de que son antigas e presentan deficiencias. A actuación consistirá na renovación do pavimento, obra esta que levará a maior parte do orzamento, así como a instalación dunha nova rede perimetral e a dotación de mobiliario e iluminación adecuada.

Esta intervención sumarase á recente reforma da pista de pádel, tamén situada na zona deportiva do Chanto. Á marxe deste proxecto, o Concello fará uns retoques nas pistas de tenis.

A administración local sarriá recibirá este ano 500.000 euros dentro do plan único da Deputación. Os maiores investimentos serán estes do Chanto e a terminación da Rúa Diego Pazos, para a cal reserva unha partida de 100.000 euros. O grupo de goberno calcula que o custo da actuación nesta rúa será menor (arredor de 80.000 euros), pero optou por prever un orzamento algo superior para poder facer fronte no caso de imprevistos.

A administración local sarriá recibirá este ano 500.000 euros dentro do plan único da Deputación

Outros 50.000 euros do plan único destinaranse á mellora da instalación eléctrica e a rede de datos do edificio do consistorio e da casa da cultura. De igual modo, dedicará 18.000 euros a un proxecto para conectar por fibra distintas sedes municipais, como neste caso o edificio do Concello e a Casa do Marqués, onde se atopa o Centro de Información á Muller.

PASEO RÍO CELEIRO. A instalación de iluminación no paseo do río Celeiro, entre as rúas San Lázaro e Severino Vega Cid, recibirá 30.000 euros, e outros 10.000 servirán para comprar unhas plataformas para a pista de skate que está a acondicionar o taller de emprego na zona do Chanto.

Polo que se refire ao parque móbil municipal, o plan único permitirá comprar unha nova furgoneta para o servizo de obras (18.000 euros) e un brazo para a rozadora do tractor da brigada de medio rural (25.000).

Pola súa banda, o matadoiro verá mellorado o equipamento con 6.000 euros, mentres que 65.000 serán para contratacións de persoal. O resto do orzamento repártese entre o servizo de axuda no fogar (12.000), o descenso urbano (15.000), a Semana das Letras e a Lectura (15.000), o programa Vivas e Visibles (10.000), a Escolma de Cinema (10.000), as Xornadas Xurídicas (6.000), a feira de San Isidro (3.000), a de anticuarios (26.000) e a administración electrónica (14.000).

Comentarios