O Concello de Sarria insta a revisar o plan hidrolóxico ao impedir construír na Estación

O Concello pide á CHMS modificacións no documento, que tampouco permite edificar nas Insuas
undefined
photo_camera Rúa José Antonio de Sarria. ARQUIVO

O Concello de Sarria solicitou á Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS) que revise o plan hidrolóxico por impedir construír en zonas dos barrios da Estación e As Insuas da vila.

O documento foi aprobado en 2016, aínda que comezou xa a elaborarse en 2014. O plan delimita a zona de dominio público hidráulico cartográfico e no río Celeiro contémplanse dentro deste espazo parte dos barrios das Insuas e A Estación. Por exemplo, neste último, o máis afectado, inclúese a marxe esquerda da Rúa José Antonio en sentido Matías López ou as rúas San Eufrasio, Ramón Cabanillas ou Calvo Sotelo, entre a estación do tren e o cruzamento con José Antonio. Nestes puntos, que é unha zona urbana consolidada, prohíbese construír calquera tipo de edificación e limita o uso", explicou o alcalde, Claudio Garrido.

A situación foi detectada por mor da licenza de obra para levantar un inmoble no barrio da Estación. Ante iso, o Concello solicitou unha reunión coa CHMS, que tivo lugar o luns na sede da entidade en Ourense. Participaron o rexedor, o presidente do organismo de conca e técnicos das dúas administracións.

Desde o Concello, indicou, presentouse un "amplo" dossier técnico con tres estudos hidrolóxicos dos ríos e tres topográficos que "contradín" o plan hidrolóxico sobre as limitacións no río Celeiro. O alcalde destacou a "boa vontade" da CHMS de recoñecer esta contradición "entre o plan e a realidade" e de atender a petición do Concello de revisar a limitación do dominio público hidráulico cartográfico. Este mesmo mércores a administración local enviou formalmente a solicitude de cambiar o plan.

Garrido agradeceu ao presidente do organismo a "receptividade" á petición e a "vontade de solucionar o problema detectado, tarde, pero detectado para que non teña efectos negativos en intereses de Sarria".

Comentarios