A comunidade do Couso, escollida nun concurso de innovación

As votacións para elixir aos finalistas do certame Germinador Social acaban o martes

A comunidade do Couso, en Freixo (Samos), foi seleccionada para o concurso nacional Germinador Social. Os seus esforzos non pasaron desapercibidos para as cooperativas Som Energia e Coop57, organizadoras do certame que busca estimular a creación de novos modelos sociais innovadores. O Couso é un dos candidatos elixidos para optar ao premio consistente en 25.000 euros a distribuír entre os proxectos vencedores.

Agora, a comunidade samonense está na fase de votación popular que termina o martes, e da que sairán os cinco proxectos finalistas aos que se sumarán outros catro participantes elixidos por un xurado. Todo aquel que queira apoiar a iniciativa do Couso pode facelo na páxina web da Germinador Social.

O proxecto de Freixo foi posto en marcha por unha parella catalá para crear unha comunidade baseada en, segundo palabras dos seus responsables, a economía social e solidaria no ámbito das enerxías renovables e a eficiencia enerxética. Dito doutro xeito, a intención dos seus fundadores é crear unha aldea cuxos cimentos son a autosuficiencia, a solidariedade e o apoio mutuo.

Os impulsores do Couso iniciaron esta aventura en 2014 ao adquirir unha vivenda en ruínas en Freixo coa intención de levar a cabo tres proxectos nun: crear unha casa de acollida para todo aquel que queira probar a experiencia de vivir no campo, abrir unha escola de talentos co fin de descubrir e desenvolver os dons dos seus alumnos, e fundar unha comunidade aberta baseada en compartir.

Se se fan co galardón gustaríalles arranxar o tellado, ampliar a rede de placas solares e iniciar a escola de talentos.

Comentarios