Dous samonenses e un sarrián crean unha empresa de repartición a domicilio

A firma, con todo tipo de produtos, funcionará en dúas semanas
Generated by  IJG JPEG Library
photo_camera Hugo Pérez Gallo, un dos socios fundadores de Dseguida.

Un dos peores efectos que está a ter a pandemia do Covid-19 é a destrución de emprego, ademais dunha incerteza económica. Con todo, as épocas de crises para uns poden ser vistas como oportunidades para outros. Iso foi o que pensaron dous mozos de Santa Mariña de Lóuzara (Samos) -Ánxela Castro Rivas e Amadeo Ríos Touzón- e outro de Sarria -Hugo Pérez Gallo- ao crear a empresa de repartición Dseguida.

A compañía, que comezará a súa actividade nun máximo de dúas semanas, pretende repartir todo tipo de produtos (comidas, ferramentas...) desde calquera establecemento aos domicilios. Tamén se poderán realizar encargos polos propios usuarios, que terán opción de facelo desde a aplicación ou a web. A diferenza do servizo que ofrecen algunhas multinacionais en grandes cidades, "queriamos cubrir esta carencia que existe no rural", indica Pérez, engadindo que o servizo se completará en menos dun día e que están a estudar se ofrecelo "durante as 24 horas".

A idea xurdiu da parella samonense. Amadeo Ríos, que actualmente traballa na construción rematando a última obra ata dedicarse en exclusiva a Dseguida, detectou que na súa empresa necesitaban diferentes tipos de materiais durante a pandemia. A resposta das empresas era que ou ben non dispuñan dun servizo que os leva ata o lugar, ou ben era moi complexo. Desde ese momento puxéronse en contacto co seu amigo Hugo Pérez -con formación en programación e que estaba a traballar como deseñador de páxinas web na Coruña- para proporlle a iniciativa e que se encargase de facer a aplicación.

A falta de dúas semanas para comezar, Dseguida conta con varios vehículos persoais para repartir como unha camioneta, unha furgoneta e unha motocicleta que se están rotulando", apunta Pérez. En canto inicien a actividade, pensan adquirir máis.

Así mesmo, o sarrián prevé que a empresa creada polos tres mozos da comarca poida ampliarse no futuro e así "contratar a máis persoal", escapando da incerteza económica que xera o Covid-19 .

As primeiras tomas de contacto, todas positivas
Hugo Pérez explica que os tres emprendedores estiveron a consultar en varios negocios de Sarria a aceptación que tería a iniciativa. Todas as valoracións foron positivas.
Un servizo máis
En dous bares respondéronlles que a idea lles interesaba, posto que ata a data non dispuñan de servizo para repartir comidas a domicilio.
Aumento das reparticións
Outro establecemento, que xa dispuña dun repartidor, díxolles que lles gustaba o proxecto porque podería aumentar as entregas sen incrementar os custos.

Comentarios