Unha colisión entre un camión e un turismo en Samos sáldase sen feridos

O suceso produciuse na estrada LU-633, que tivo que ser cortada ao tráfico durante os labores de retirada dos vehículos da calzada
undefined
photo_camera Vehículos implicados no accidente. S. IGREXA

Unha aparatosa colisión entre un coche e un camión na estrada LU-633, que se produciu o mércores pola tarde no termo municipal de Samos, saldouse sen feridos.

O suceso ocorreu ao redor das 16.30 horas, cando o vehículo articulado pretendía incorporarse desde unha pista á vía que une as localidades de Sarria e de Samos, á altura do quilómetro 40,800. Nese momento, un turismo que circulaba en dirección ao núcleo samonense impactou co camión, rexistrándose numerosos estragos materiais pero, afortunadamente, ningún dano persoal. Por iso, ningún dos dous condutores, e únicos ocupantes dos vehículos, precisou atención sanitaria no lugar dos feitos.

Dada a magnitude do accidente, a estrada tivo que ser cortada ao tráfico rodado durante unha parte da tarde, mentres os guindastres non procederon a retirar os vehículos implicados da calzada. Así mesmo, unha patrulla da Garda Civil de Tráfico achegouse ata o punto do suceso e outros axentes encargáronse de coordinar a circulación, desviándoa por unha pista paralela.

Comentarios