Os coches antigos toman a Praza da Vila de Sarria nunha concentración

A nova asociación de vehículos club Clásic@s realizaron un evento no que participaron 60 coches e motos

A Praza da Vila de Sarria luciu este sábado como nunca antes o fixo, cuns 60 vehículos antigos repartidos en tres chairas e pertencentes todos eles a veciños do municipio e outros puntos da comarca. Foi a presentación en sociedade do novo club Clásic@s Sarria, do que forman parte coches e motos cuxa antigüidade vai desde os anos 20 ata a década dos 80.

Estas xoias do motor déronse cita no parque do Chanto para iniciar uns pasacalles ata a Praza da Vila, onde luciron durante toda a mañá ante a expectación de numerosas persoas e cunha ambientación musical acorde coa súa época de fabricación.

Entre os vehículos concentrados, o público puido admirar dous Oldsmobile, un deles un Holiday hardtop sedan de 1955 con catro amplas prazas e portelos sen marco, e o outro un Cutlass de 1967, fabricado en Canadá e coa particularidade de ter seis cilindros en lugar de oito, segundo explican os seus respectivos donos.

Tampouco faltaron ao encontro outros modelos como un Alpine matriculado en 1976 -despois do cal só se fabricaron cen unidades máis de cilindrada 1.400- ou un Ford A de1928 convertible e cuxo maleteiro se coñecía popularmente como "aí t podrezas".

Trece novos socios déronse de alta no club durante os actos, de modo que xa son 73

De igual modo, participou un Dodge Dart de xaneiro do ano 1969, que representaba "o luxo da época". Segundo comenta o seu propietario, a súa fabricación foi froito dun acordo entre Barreiros, "o Henry Ford galego", e a multinacional Chrysler. "Era un coche americano adaptado ao mercado europeo", precisa.

O público puido contemplar, ademais, unha selección de 600 -un deles con maletas no teito, adquirido por un sarrián no ano 1970 por 97.000 "pesetas"- ou unha furgoneta Volkswagen Transporter T1, de nove prazas, que se remonta aos 60. "é a típica hippie que marcou a historia", sinala o seu dono, que restaurou con mimo este vehículo de procedencia alemá e cuxo cristal frontal se pode baixar ata quedar en posición horizontal.

Tamén foi obxecto dunha coidadosa restauración un Renault 4/4 de 1955 que, segundo confesa o seu propietario, "foi ou capricho que quixen ter toda a vida", porque xa de pequeno viaxaba nun similar que tiña o seu pai en Francia.

Estes e outros moitos vehículos forman xa parte da asociación Clásic@s Sarria, que preside Iker Trevijano, e que este sábado non podía estar máis satisfeita coa excelente acollida do evento. "A Praza da Vila é un sitio espectacular para a exposición, foi un acerto", sinalan desde a organización, á vez que valoran a gran afluencia de público. "Moita xente sorprendeuse de que houbese tantos vehículos clásicos en Sarria. O mérito desta concentración é que todos son coches e motos de veciños da zona e, ademais, modelos que ven pouco", din.

O club Clásic@s Sarria arrincou con 60 socios e este sábado sumáronse 13 máis. "Trátase dunha zona con moita afección. Para o número de habitantes que hai no municipio é unha pasada a cantidade de vehículos reunidos e outros que aínda quedan nas "palleiras", comentan desde a directiva.

Tras o "éxito" deste sábado, a asociación proponse agora organizar unha saída en setembro e traballar xa nos preparativos dunha gran concentración para 2019.

Comentarios