A CHMS tramita o permiso para a pasarela provisional en Ponte Ribeira

O expediente para crear un paso que permita recuperar o tránsito estará exposto un mes
Ponte Ribeira.
photo_camera Ponte Ribeira vai camiño de cumprir os seis anos cortada en dous e pechada ao tráfico. AEP

A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS) tramita o permiso solicitado polo Concello de Sarria para construír a pasarela metálica provisional que permita recuperar o tránsito de peóns e vehículos por Ponte Ribeira, cortado desde 2014.

O organismo de conca acaba de sacar a exposición pública este expediente, que estará para consulta durante un mes nas oficinas da Comisaría de Augas en Lugo para que as persoas que se consideren prexudicadas poidan presentar reclamacións, tal e como publicou este venres o BOP.

A autorización da CHMS resulta necesaria para poder habilitar esta pasarela, dado que as obras están dentro da zona de policía de canles e no dominio público hidráulico do río Sarria.

A área de actuación forma parte, ademais, do Camiño de Santiago. O Concello tamén pediu permiso a Patrimonio da Xunta e de momento non recibiu comunicación respecto diso, sinala o alcalde, Claudio Garrido.

A estrutura disporá dunha zona de paso para peóns de 2,5 metros, separada do carril de vehículos por unha barreira de formigón

Segundo o proxecto, a pasarela irá asentada sobre a estrutura e a cimentación que xa existe, e terá unha anchura total de 6,5 metros, dos cales a metade serán utilizados como un único carril para a circulación de vehículos, regulado por semáforos, de modo que posibilite o tránsito en ambos os sentidos tanto de coches como de autobuses para dar servizo aos colexios e establecementos de turismo, entre outros.

A estrutura disporá dunha zona de paso para peóns de 2,5 metros, separada do carril de vehículos por unha barreira de formigón e coa varanda actual de Ponte Ribeira no outro lateral.

O Concello rescindiu hai meses o contrato que había para a reconstrución desta ponte ao entender que o proxecto "non era válido técnica nin economicamente", afirma o alcalde. Segundo di, o obxectivo é agora contruir esta pasarela provisional para "recuperar un servizo imprescindible pola importancia que ten para os peregrinos, os negocios, os colexios e o pobo de Sarria".

Mentres, faranse os estudos para restaurar a ponte antiga para uso peonil e crear un novo para vehículos. "Queremos apostar para que un dos pasos importantes do Camiño poida estar restaurado", engade.

Comentarios