A CHMS investirá tres millóns de euros na mellora da Edar de Sarria

O presidente do organismo da conca e o alcalde asinaron o convenio para executar esta obra, que estará lista no ano 2021

El presidente de la CHMS y el alcalde de Sarria
photo_camera O presidente da CHMS e o alcalde de Sarria asinan o convenio. VILA

A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS) investirá tres millóns de euros na mellora do saneamento e da Estación Depuradora de Augas Residuais (Edar) de Sarria, uns traballos que, segundo os cálculos, estarán finalizados no ano 2021.

O presidente do organismo de conca, José Antonio Quiroga, e o alcalde de Sarria, Claudio Garrido, rubricaron este mércores no consistorio o convenio de colaboración para a posta en marcha destas actuacións "necesarias e imprescindibles", en palabras do rexedor.

Segundo explicaron, a Edar ten moitos anos de funcionamento e equipos obsoletos, o que provoca que a capacidade de depuración non sexa suficiente para toda a poboación. Ademais, non existen tanques de tormenta, feito que ocasiona frecuentes alivios de auga sen tratar.

José Antonio Quiroga indicou que, con estas melloras, lograrase tamén un mellor funcionamento da depuradora mediante a diferenciación de pluviais e fecais. Ademais, "haberá unha parte moi importante de cambio do sistema de condución, que ten unha permeabilidade elevadísima".

Comentarios