¿Está a miña casa á venda?

Xera preocupación entre lancareses atopar as súas vivendas nun portal inmobiliario. Temían que alguén as anunciou para vender, pero é unha valoración do inmoble
2020052612150860821
photo_camera A antiga escola da Lama de Souto, que se pode ver na páxina web. EP

Atopar as súas vivendas nun portal inmobiliario xerou unha gran confusión e preocupación entre veciños de varios núcleos do municipio de Láncara, pois temían que alguén as puxera á venda. Con todo, trátase de información e unha valoración catastral das súas casas, aínda que se cuestionan que estean colgados eses datos nunha páxina web dunha compañía inmobiliaria.

A polémica estalou este pasado domingo, cando veciños de diversos núcleos, como Toubille, Mourillón, Galegos ou Armea de Abaixo, viron as súas vivendas no portal de Idealista. Neste inclúese a fotografía da construción e a información catastral e unha valoración de compra-venda e de aluguer.

"Díxomo un veciño que vira a miña casa á venda. Levei un susto. Despois xa vimos todas as do pobo, poñen datos de venda e aluguer", asegura unha residente do núcleo de Toubille. Para ela "non é normal" que estea a súa propiedade e a dos seus veciños nunha páxina web inmobiliaria. "Poden ver a casa e virnos roubar. Se hai protección de datos non se podería facer iso. Se temos que denunciar, denunciaremos", sinala.

Non foi a única, pois varios viron como amigos ou coñecidos os chamaban para saber se tiñan as súas vivendas á venda. "Chamou o luns moita xente preguntando se vendiamos a casa. Estamos preocupados, é unha cuestión de imaxe", afirma unha veciña de Vigo de Galegos, que viu como o seu inmoble e o de polo menos outro residente do lugar están na mesma páxina web.

O Concello ponse a disposición dos veciños ante a alarma xerada

Levou a mesma sorpresa un de Mourillón, quen se temeu que alguén colgara a súa casa no portal para "estafar". "Están todos os datos das casas, os metros cadrados. Non sabemos que facer, está a veciñanza revolucionada", indica o lancarés.

Tamén sospeitou nun inicio que fose unha estafa un residente de Armea de Abaixo, quen afirma que se atopan "preocupados". "Que estea esa información na páxina de Catastro paréceme ben, pero non me parece lóxico que estea nunha aplicación de venda de inmobles, así parece que están á venda", manifesta este lancarés, quen deu traslado da situación cun avogado. "Ves como noutros lugares venden as casas a xente sen documentos, imaxina que pasa aquí, non sería difícil e cos problemas que podía traer. Podía ser unha estafa", opina.

Ante a alarma xerada no municipio, o Concello lancarés ponse a disposición de todos os veciños que atopen a súa vivenda na páxina web.

Desde o Concello piden que o comuniquen chamando ao consistorio (982.54.30.77) e envíen a través dunha captura de pantalla os datos que están no portal inmobiliario. Desde o Concello encargaranse de dar traslado da información á Garda Civil, sinala o goberno municipal.

Idealista: "E información pública que está en Catastro"
Desde Idealista aclaran que a información sobre vivendas que se pode ver na súa páxina web, como do municipio de Láncara, é "pública e está en Catastro, onde calquera a pode consultar". Todos os datos e as fotografías proceden deste organismo, din.

"Só collemos información pública e ordenámola, nun afán de achegar transparencia. Non damos ningunha outra información, nada pode identificar o propietario", indican.

A valoración de compra-venda ten como obxectivo "orientar" se alguén está interesado en vender ou en adquirir na zona. "Non é unha tasación nin unha venda. É un servizo para axudar a xente. É absolutamente legal", apunta Idealista, que sinala que calquera veciño se pode poñer en contacto con eles e aclararanlle.

Comentarios