A Carreira da Muller espera reunir o 11 de marzo en Sarria por centos de persoas

O Concello abriu a inscrición para a cita, que inclúe unha camiñada
photo_camera Participantes na pasada edición da Carreira da Muller de Sarria. AEP

As rúas de Sarria serán escenario o próximo día 11 dunha nova Carreira da Muller Vivas e Iguais, unha cita que celebra a súa sexta edición e que espera reunir centos de persoas para gozar do deporte e reivindicar a igualdade entre homes e mulleres.

O evento, que celebra a súa sexta edición, é organizado polo Concello coa colaboración do club de atletismo Running Sarria e o Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Miño-Ulla.

A cita constará dunha carreira e unha camiñada. En ambos os casos tratarase dun percorrido de cinco quilómetros, partindo do bulevar da Rúa da Liberdade. Os deportistas discorrerán pola rúa Castelao e, no cuartel da Garda Civil, dirixiranse cara á ruta das Aceas. Regresarán pola zona do campo de fútbol, a estrada de Monforte, Castelao, o pavillón de baloncesto e o hotel Afonso IX para finalizar no paseo do Dique. A carreira comezará ás 18.00 horas e, a continuación, farao a camiñada.

O Concello abriu este luns a inscrición, que é gratuíta e pódese formalizar ata o día 9 nas páxinas web da Champion Chip Norte e Sarria Corre. O Concello agasallará os 500 primeiros apuntados cunha camiseta conmemorativa e prepara tamén algunha outra sorpresa para os participantes, tal e como avanzou o concelleiro de Deportes, Félix Seijas. Este animou a todos a unirse á Carreira da Muller Vivas e Iguais para "desfrutar do deporte e reivindicar o 8-M e a igualdade".

O Concello premiará con trofeos os tres primeiros da carreira, tanto na modalidade feminina como masculina. Ademais, agasallará os tres primeiros de cada categoría. Estas son: júnior (de 12 a 15 anos), promesa (de 16 a 19), sénior (de 20 a 34), máster 1 (de 35 a 44), máster 2 (de 45 a 54), máster 3 (de 55 a 64) e máster 4 (de 65 anos en diante).

Comentarios