O CAPD de Sarria continúa á espera dos resultados do test realizados

Un residente, sometido uns días antes á proba, deu negativo
Las instalaciones del Centro de Atención a Persoas con Discapacidade de Sarria. PORTO
photo_camera As instalacións do Centro de Atención a Persoas con Discapacidade de Sarria. PORTO

O Centro de Atención a Persoas con Discapacidade (CAPD) de Sarria continúa á espera dos resultados das probas de coronavirus ás que se someteron unha trintena de traballadores e residentes, os cales se poderían coñecer na xornada deste luns.

Os sanitarios realizáronlles o test despois de que unha empregada do centro dese positivo. Esta deixara de acudir ao seu posto o pasado día 20, tras comezar a presentar síntomas compatibles co coronavirus e o resultado coñeceuse este venres. A traballadora recupérase da enfermidade no seu domicilio de Lugo.

Na tarde do sábado persoal do centro de saúde de Sarria trasladouse ao CAPD para practicarlles as probas de diagnóstico de Covid-19 á trintena de internos e empregados que se atopan na mesma área ou módulo da persoa contaxiada. Na noite do domingo aínda non se coñecían estes resultados, segundo informaron fontes da Consellería de Política Social.

O venres realizouse xa a proba de coronavirus a un residente do CAPD, pois presentaba algúns síntomas propios da enfermidade. Esta persoa atopábase illada e onte coñeceuse o resultado do test, no que deu negativo.

Doutra banda, o sindicato UGT volveu reclamar onte que se realicen as probas de diagnóstico do coronavirus a todos os residentes e ao persoal do CAPD polas "especiais" características do centro, insistiu. A entidade ve "insuficiente" que só se practicasen ás persoas do mesmo módulo que a afectada polo Covid-19, polo que presentou onte no rexistro electrónico da Xunta un escrito dirixido a Política Social.

Este organismo é o titular do Centro de Atención a Persoas con Discapacidade de Sarria, o cal foi sometido o sábado a labores de desinfección. As instalacións, situadas no barrio das Insuas, contan cun centenar de internos e uns 170 traballadores. O CAPD é o único centro asistencial da comarca sarriá na que se ten constancia dun caso positivo por coronavirus.

Comentarios