Canteira musical sarriá

Os músicos Carlos Vilariño e Kevin Abuín, de 16 anos de idade, son seleccionados para o grupo xuvenil da Banda Sinfónica de Galicia
Kevin Abuín y Carlos Vilariño, en Sarria. PORTO
photo_camera Kevin Abuín y Carlos Vilariño, en Sarria. PORTO

Desde que eran uns nenos os sarriáns Carlos Vilariño Romero e Kevin Abuín Pérez son uns apaixonados da música. Ambos comezaron formándose na escola municipal, sendo integrantes da Banda de Sarria, e agora acaban de dar un paso máis, foron seleccionados para a agrupación xuvenil da Banda Sinfónica de Galicia.

Os dous teñen 16 anos de idade e levan a metade da súa vida tocando o clarinete, no caso de Kevin Abuín, e o bombardino, no de Carlos Vilariño. A súa carreira musical está moi unida, pois xuntos participaron en 2017 e 2018 na banda infantil e este ano decidiron probar sorte para a Banda Sinfónica Xuvenil de Galicia.

"A infantil era coma un campamento, non era necesario facer unha proba, pero agora si", explican os sarriáns, quen lograron uns bos resultados. Vilariño foi "primeiro de seis" no seu intrumento, mentres que Abuín "segundo de 17". "Tivemos que mandar un vídeo, que realizamos nunha tarde libre. Non imaxinamos entrar, fixémolo por probar", explican. Os mozos destacan a colaboración dos seus profesores na escola de música de Sarria, Manuel Montero López e Iñaki López Campo, quen os axudaron a prepararse para a proba.

Os veciños obtiveron unha praza por dous anos na Banda Sinfónica Xuvenil de Galicia, que "é coma a selección". Con ela "comprométeste a ir ensaiar, en Santiago, e tocar para o que te convoquen". Segundo sinalan, a primeira actividade será xa o próximo mes de xullo, cando terá lugar un encontro en Ribadavia. Arrincará o día 4 e finalizará o 9 cun concerto na Cidade da Cultura de Santiago.

Será unha oportunidade para continuar formándose para estes dous mozos, quen aseguran que a Banda de Sarria e a escola da vila son "as que nos fixeron músicos". "Nada será igual ca de Sarria", afirman estes veciños, quen tamén forman parte doutras agrupacións. A ambos lles gustaría nun futuro seguir estudando música e chegar a convertelo na súa profesión, un soño que "pouco a pouco" esperan facer realidade.

Comentarios