"Os cans correron un quilómetro detrás de min", di a muller atacada en Triacastela

Os donos dun albergue da Balsa afirman que é a segunda persoa mordida polos cans e instan a tomar medidas para evitar novos incidentes

Jessica Moro y Céline Schyns. PORTO
photo_camera Jessica Mouro e Céline Schyns. PORTO

A moza Céline Schyns levou un bo susto o domingo na Balsa (Triacastela) cando un can lle trabou nunha perna. "Vin tres cans correr cara a min. Mordéronme na roupa e o bolso, corrín un quilómetro máis ou menos, eles detrás, e mordéronme nunha perna", relata.

Esta holandesa, quen traballa durante este mes como voluntaria no albergue El Beso, saíu pasear na mañá do domingo por un camiño. Segundo explica, ao ver aos cans ir cara ela deuse a volta, pero alcanzárona e "mordéronlle na roupa, nunha coxa, e tiráronlle do bolso". "Empecei a correr un quilómetro máis ou menos e, cando cheguei ao Camiño de Santiago, mordéronme nunha perna", conta a moza, quen tivo que ser atendida no Punto de Atención Continuada (PAC) pola ferida, de carácter leve.

A moza asegura que pasou "moito medo" e denunciou os feitos ante a Garda Civil de Samos. Pide, do mesmo xeito que os donos do albergue El Beso, que se tomen medidas cos animais para evitar novos incidentes.

A propietaria do establecemento, a italiana Jessica Moro, afirma que este é o segundo ataque que se produciu nunha semana, pois uns días antes a un peregrino, de nacionalidade estranxeira, os cans (un de caza e dous mastíns) mordérono nunha perna. "Chegaron ao albergue dez peregrinos asustados contando que mordesen a un peregrino, quen quedou en shock e foise á farmacia de Triacastela para curar a ferida", indica.

A dona do albergue asegura que con anterioridade xa puxo en coñecemento da Garda Civil que os tres cans -propiedade duns veciños- están "soltos" polo pobo e denuncia que as forzas de seguridade "non fan nada" cos animais. "Din agora que esperemos a que o xulgado teña unha resolución. Non podemos esperar polo xulgado, a que esperan, que ataque a outro peregrino?", sinala Jessica Moro.

Esta reclama que se cumpra a lei, pois, segundo esta, os cans "terían que estar nunha leira pechada ou pasear atados ou soltos, pero cos seus donos", afirma.

No albergue teñen todos os días "de 10 a 15" camiñantes e xa os alertan de que non paseen polo viario polo que se atopan os animais. "Os peregrinos ás veces equivócanse de camiño e poden ir ata alí" e teme que poidan ser atacados. "A xente do pobo bota aos cans cunha cachaba, pero non se pode estar sempre así, quero ir pasear tranquila", conclúe Moro.

Comentarios