O campo da feira do Páramo contará cun anfiteatro e unha praza

A bancada construirase aproveitando unha gran roca situada xunto ao centro de saúde
2020081513005154505
photo_camera Zona na que se creará o anfiteatro e a praza coa axuda dos fondos Leader. EP

O campo da feira de O Páramo contará cun anfiteatro, que se construirá nunha gran roca, co que se porá en valor a zona desde un punto de vista xeolóxico e paisaxístico. No lugar tamén se adecuará unha praza. Estas obras serán levadas a cabo polo Concello.

O espazo situarase diante do centro de saúde e a coñecida como casa do médico, xunto ao consistorio e o colexio. Neste punto existe unha roca de grandes dimensións, con forma de media lúa, e aproveitarase para crear un anfiteatro na propia pedra. Así ponse en valor a roca, "acentuando a súa singularidade e humanizando o espazo público inmediato", creando "unha mellora paisaxística" do lugar, que "co paso dos anos se foi descoidando, e recuperando a contorna", segundo o proxecto do Concello.

No novo espazo poderanse levar a cabo actos culturais e servir de complemento de actividades infantís, usándoo como aula ao aire libre.

Os traballos consistirán no picado e tallado da roca para crear o anfiteatro, cuxas bancadas se adaptarán á altura da pedra existente. Tratarase dun dos poucos anfiteatros que estaría construído na propia roca.

ILUMINACIÓN. A contorna do mesmo contará cunha pavimentación de pedra e unha zona de formigón, que será o lugar polo que puntualmente pasará o tráfico rodado, tal e como recolle o proxecto. A zona tamén contará con iluminación para realzar e potenciar as calidades da roca e a contorna.

O obxectivo é que nun futuro se poida finalizar o proxecto coa instalación no lugar dun monolito en homenaxe aos veciños. Estes labores de acondicionamento da zona poderíanse complementar coa urbanización da rúa principal do campo da feira, para o que desde o Concello xa se puxeron en contacto coa Deputación Provincial de Lugo. O goberno presentoulle a esta institución un proxecto de reforma da vía.

Todos estes traballos buscan pór en valor o campo da feira, onde se sitúa a capitalidade municipal e todos os servizos do concello.

As obras teñen unha axuda de 44.300 euros
O Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Miño-Ulla concedeu para este proxecto do Concello paramés unha axuda de 44.310 euros, o 70% do orzamento total. Este alcanza os 63.300 euros.

A actuación foi subvencionada dentro da liña de axudas para proxectos non produtivos de entidades locais. Entre estes o do Páramo logrou a máxima puntuación e a maior contía.

GDR Miño-Ulla
O GDR Miño-Ulla xestiona as axudas do plan Leader para O Páramo, Paradela, Sarria, Portomarín, Monterroso, Palas de Rei, Antas de Ulla, Chantada, Taboada e Carballedo.

Desde a súa posta en marcha este GDR outorgou axudas a outros proxectos da comarca de Sarria, como a unha gandería do Páramo para a mellora da eficiencia enerxética ou a un negocio sarrián para o desenvolvemento e a comercialización dun software.

Comentarios