A campaña deste ano en Cova Eirós conclúe cun milleiro de achados

O Covid afectou o traballo de investigación, limitando os labores dentro da gruta a tan só seis persoas. O resto do equipo procesou material atrasado doutros anos no laboratorio
Un molar de ungulado encontrado durante esta campaña. EP
photo_camera Un molar de ungulado atopado durante esta campaña. EP

A campaña de escavación en Cova Eirós terminou o domingo con preto dun milleiro de achados. A cifra baixou respecto doutras edicións debido ás medidas de prevención contra a pandemia. Este proxecto está financiado en base a un convenio asinado entre Consellería de Cultura e a Universidade de Santiago.

O director da campaña, Arturo de Lombera, valora como "produtivos" os traballos realizados na gruta de Triacastela. A pesar de atopar menos da metade de obxectos comparado ao ano pasado, "a calidade dás pezas mantívose". O Covid-19 retardou as tarefas de escavación porque "a prioridade era a saúde, polo que a formulación previa cambiou totalmente respecto doutros anos", apunta. Dentro do xacemento tan só podían traballar seis investigadores á vez dos once que conformaban o equipo, "porque había que manter un distanciamento de seguridade".

De Lombera sinala dentro das notas positivas do virus nesta edición o "empurrón" que provocou nos traballos de laboratorio. Antes da pandemia, o equipo realizaba as tarefas de escavación pola mañá e pola tarde lavaba as pezas e rexistrábaas. Coas novas circunstancias sanitarias, cinco persoas estiveron constantemente no laboratorio, o que permitiu procesar o material "que levaba atrasado doutras campañas".

Os traballos deste ano foron unha continuación da investigación sobre o nivel 4 para profundar nas teorías sobre a forma de vida do Paleolítico Medio na gruta. De Lombera pensa que a cantidade de achados neste estrato albisca que poida haber incluso "dous niveis máis por debaixo". Con todo, para comprobalo fará falta tempo, xa que no actual nivel aínda está previsto traballar "un par de anos máis xa que faltan dous metros de chan por escavar".

VESTIMENTAS. Esta edición consolidou a teoría de que a gruta estivo ocupada por un grupo de homínidos máis numeroso que en niveis superiores. Ademais, a estancia dos mesmos foi máis larga que noutros pisos. Isto non significa que "non fosen nómades", senón que eran cazadores recolectores que explotaban máis os recursos que dispuñan. "Vese na maior cantidade de artefactos que atopamos segundo profundamos non terreo", di.

á parte da cantidade de seres que viviron no xacemento, o director da campaña sinala que tamén se aprecia unha "actividade máis intensa". Isto queda reflectido coa existencia de fogueiras "para dar luz ou quentarse" ou as pegadas nas pedras atopadas, que denotan traballos con peles, posiblemente "para facer as vestimentas".

De face ao futuro inmediato "aínda quedan cousas por facer", en referencia a traballos específicos de revisión ou toma de mostras, tarefas paralelas ás de escavación. Para estes labores, previstas para os meses de setembro e outubro, acudirán especialistas de diferentes lugares.

Comentarios