Buscan en Sarria a un empresario que falta do seu domicilio

No operativo para dar co paradoiro de Lisardo López participou Garda Civil, Policía Local e Protección Civil coa axuda de cans

Operativo de búsqueda en As Pontes. M.MANCEBO
photo_camera Imaxe de arquivo dun dispositivo de procura. M.MANCEBO

As forzas de seguridade mobilizáronse este martes para intentar dar cun coñecido empresario sarrián do sector do moble, Lisardo López, do que non se teñen noticias desde pola mañá.

A voz de alerta produciuse tras ter coñecemento de que acudira á primeira hora á súa empresa, en Vilapedre, para ausentarse ao pouco tempo avisando a unha empregada para que fose abrir e deixando no lugar o vehículo no cal se desprazaba e, segundo algunhas fontes, unha nota cuxo contido daría pé a que saltasen as alarmas.

Ao parecer o seu teléfono móbil estivo operativo un tempo logo da desaparición, tras o cal deixou de emitir sinal. Nas labores de procura participaron varias patrullas da Garda Civil, integrantes da Policía Local de Sarria e membros de Protección Civil.

O empresario deixou unha nota que levantou as alarmas

Colaboraron tamén axentes do Servizo de Protección da Natureza (Seprona) con motos para penetrarse en camiños de máis difícil acceso e incluso cans especializados en rastrexo.

Entre outros lugares, peitearon a zona próxima á mueblería de Vilapedre, nunha contorna de abundante vexetación, en pequenos grupos tanto a pé como en coche. Tamén revisaron construcións abandonadas.

Algunhas fontes apuntaron a que o empresario fora visto á primeira hora nunha estación de servizo próxima botando gasóleo no coche que despois deixaría estacionado na nave.

Ao peche desta edición non había constancia da aparición de Lisardo López, quen foi o artífice anos atrás de Muebles La Fábrica, unha das principais empresas do sector en Sarria, con sucursais noutros puntos.