lunes. 25.01.2021 |
El tiempo
lunes. 25.01.2021
El tiempo

Huellas de Sarria, en busca do fogar canino ideal

Teresa Capellá e Leticia Ventosinos xunto a Walter, un can de cinco anos que busca un fogar de adopción. DMP
Teresa Capellá e Leticia Ventosinos xunto a Walter, un can de cinco anos que busca un fogar de adopción. DMP
A asociación de protección animal coida actualmente a 20 canes â??Creada en 2016, dispón dunha leira nos arredores do concello para a estancia dos cans

O amor que os cans senten polos seres humanos, en moitos casos, non é correspondido. O abandono ou as malas condicións que teñen que sufrir son comúns. Por iso, naceu en 2016 a asociación protectora de animais Huellas de Sarria, dirixida polas sarriás Teresa Capellá, Leticia Ventosinos e Mónica García. Actualmente encárganse de 20 canes e ao longo dos catro anos de actividade atenderon a un total de 305.

O fin de Huellas de Sarria é axudar a outras protectoras que teñen un exceso de animais. Tamén recollen cans de usuarios que non poidan facerse cargo deles, precisando unha cesión. "Non se poden recoller da rúa", aclara Capellá, engadindo que na vila o Concello contratou a unha empresa para este servizo.

Dispoñen dunha leira alugada, con opción de compra, duns 1.800 metros cadrados para os cans "nos arredores de Sarria, onde non molestan a ninguén". Conta cun patio, casetas individuais ou unha piscina. Desde o colectivo prefiren non dicir a súa localización xa que noutras asociacións de Galicia pasaron casos nos que, sabendo a localización das leiras, tirábanse cans por encima do enreixado.

é unha asociación sen ánimo de lucro, pero manter as instalacións supoñen custos. Para sufragalos, realizan actividades como un mercadillo, situado na Rúa Diego Pazos, aberto de luns a venres ata setembro. Ofrece artigos doados como roupa, bixutería ou xoguetes. Tamén fan recollidas de penso, nas que chegaron a recibir un palé. Esta semana comezan a venda de lotería de Nadal, que en dous sorteos pasados deixoulles un belisco. Nun deles foron "60.000 euros, con 200 ao décimo", din.

Os cans ao seu cargo están en adopción. Para iso os interesados teñen que superar varios requisitos. Primeiro realizan unha entrevista e, despois, un cuestionario con preguntas sobre o tipo de vivenda ou que farase co can durante as vacacións. O seguinte paso a superar é unha proba de convivencia co animal. "Adoita ser dun mes, pero se pode alargar aos tres para que se adapte á contorna", explica Capellá. Moita xente devolve ao can en menos dunha semana, "algunhas persoas non se dan conta da responsabilidade que é", sentenza.

Durante a pandemia as adopcións estiveron monitorizadas. Desde Consellería de Medio Ambiente chamaron a Huellas de Sarria (do mesmo xeito que a todas as protectoras da provincia) cada dúas semanas para controlar as entradas e saídas dos cans co fin de evitar fraudes e que non se usase como escusa para pasear durante a corentena.

O Covid trastornou os plans da asociación. Tiñan pensado facer unha ruta de sendeirismo este verán, onde os asistentes poderían acompañar a un animal da protectora ou facela co seu propio. "é unha forma de mostrar aos cans", apunta Ventosinos.

CANS NO CAMIñO. Sarria é unha das etapas con máis afluencia do Camiño. Por iso, desde a asociación explican que hai moitos casos onde peregrinos que ven a cans soltos durante a ruta danlles para comer ou lle fan carantoñas e os animais séguenlles. Ao ser Huellas de Sarria a "primeira asociación que se atopan en Galicia" ponse en contacto con esta. Exemplo diso é un pastor alemán, procedente de León, polo que o dono acudiu a Sarria varias veces. Na última díxolles en ton de broma que "á próxima recólloo en Santiago".

O problema chega cando os cans non levan microchip ou un colar identificativo, tendo que recorrer ás redes sociais. Por iso, Capellá celebra que o Concello vaia facer un control de chips no municipio.

A asociación conta coa axuda de voluntarios. Hai tres persoas no mercadillo. Outros dez colaboran na leira os fins de semana e de luns a venres é un empregado o encargado da mesma.

De face ao futuro din que "oxalá non fósemos necesarios", aínda que recoñecen que seguirán buscando un fogar para os cans que o perderon un día. O contacto coa asociación pódese facer a través de Facebook, no correo [email protected] ou chamando ao 644.74.18.25.

Huellas de Sarria, en busca do fogar canino ideal
comentarios