Borja Doel evoca a tradición da Noite do Lume no seu cartel para San Xoán

O deseñador sarriao elabora, un ano máis, a imaxe das festas, centrada na queimada e nas Pampónigas
Borja Doel Vázquez. AEP
photo_camera Borja Doel Vázquez. AEP

Unha celebración tan arraigada en Sarria como é a Noite do Lume serviulle de inspiración ao deseñador dixital Borja Doel para elaborar o cartel anunciador das festas de San Xoán deste ano.

O Concello confiou un ano máis no artista local para deseñar a imaxe das patronais, que se celebrarán entre os días 23 e 27 cun amplo programa. A primeira xornada festiva será, precisamente, a da Noite do Lume, de longa tradición. Ese día, os actos centrais desenvólvense no campo da feira, onde se acende a fogueira de San Xoán e se prepara unha queimada coa colaboración dos veciños.

Cartel del San Xoán de Sarria. EP
Cartel del San Xoán de Sarria. EP

Borja Doel quixo plasmar no seu cartel a esencia desa noite, representada por un gran cazo de queimada.

De fondo, aparecen algunhas imaxes das Pampónigas de Sarria (os xigantes e cabezudos que saen polas rúas da vila para anunciar os festexos).

Segundo explica, á hora de pensar os seus deseños intenta "indagar nas orixes". "Gústame moito informarme antes de pequenas tradicións que se conservan en Sarria e que diferencian o San Xoán da nosa vila do que se celebra noutros lugares", comenta Doel. Foi así como apostou por darlle protagonismo á Noite do Lume, "algo que só se fai en Sarria". "Son cousas moi arraigadas que hai que seguir destacando e penso que hai que potenciar", asegura o autor, quen tamén quería que as Pampónigas estiveran presentes, nun papel máis secundario.

Este cartel segue o camiño marcado polo propio Doel no ano 2017, cando elaborou outro deseño para San Xoán centrado nun misto de gran tamaño en representación do arranque festivo, creación que tivo unha grande acollida e coa que mesmo se fixeron camisetas.

"A idea gustou moito e foi o punto de saída para este outro cartel, que ten un pouco a mesma estrutura, cun elemento central con forza", apunta a sarriao, quen tamén confeccionou os carteis das festas de 2005 (ano no que gañou o concurso convocado polo Concello), 2008 (en colaboración coa veciña Ana Miranda) e 2009.

Ademais, encargouse da imaxe do concurso de tapas (Tapicheo), do logotipo da área de turismo do Concello, do selo deste departamento para a credencial dos peregrinos e, mais recentemente, do cartel que a partir de agora se empregará nos actos de Nadal de Sarria, no que aparecen representadas algunhas das edificacións máis destacadas da vila, como a casa da cultura, a cheminea da Feculera, a Casa do Marqués ou a igrexa de Santa Mariña.

"É tamén unha homenaxe aos veciños da zona"
Coa creación deste cartel, Borja Doel non só evoca a Noite do Lume, senón que tamén pretende recoñecer o traballo de todos eses veciños do campo da feira que colaboran nesa xornada, seguindo os pasos marcados por Pedro de Dios.

"É unha homenaxe á xente que axuda a que non se perdan esas pequenas tradicións que son nosas", asegura o autor.

Recende a festa
Na parte superior, o cartel leva unha alusión ao recendo das festas. "Cando chega San Xoán gústame pasear polo pobo e ver o ambiente que ofrece, o cheiro a pólvora, a churros... hai outros aires e respírase", di Doel, para quen o mellor das patronais é "xuntarse coa familia e os amigos" e gozar "dese ambiente do pobo".

Comentarios