O BNG acusa á Xunta no Incio de "non estar a tomar en serio" a expansión da velutina e a avespa do castiñeiro

Mini asegurou que "tanto a Xunta como o Concello teñen a obrigación de pór en marcha plans de información e formación sobre a invasión"

Xosé Luís Rivas 'Mini'. CRISTINA PÉREZ
photo_camera Xosé Luís Rivas 'Mini'. CRISTINA PÉREZ

O portavoz do BNG no Incio, Antonio Montero, e o parlamentario Xosé Luís Rivas Mini, participaron nun acto no concello da localidade no que abordaron a problemática da expansión da avespa do castiñeiro e da velutina e acusaron á Xunta de "non estar a tomar en serio" estas "pragas".

Mini asegurou que "tanto a Xunta como o Concello teñen a obrigación de pór en marcha plans de información e formación sobre a invasión" destas dúas especies, e avanzou que "xa se deberían estar a programar plans de trampeo de cara ao mes de setembro que contribúan a loitar contra a expansión da velutina".

Nesta liña, lembrou que o BNG propuxo no Parlamento medidas para controlar a expansión das especies invasoras e para cambiar a política de prevención de incendios.

No encontro, o portavoz do BNG local expuxo as repercusións destas pragas nunha localidade como O Incio na que o mel e a castaña son un importante recurso que "debería contar co apoio da administración para a súa posta en valor".

Ademais, os representantes nacionalistas censuraron as medidas de prevención impulsadas pola Xunta ao "descargar sobre os Concellos a responsabilidade de manter unhas franxas de protección que, por si mesmas, non son a solución porque é preciso cambiar a política de prevención do lume".

Comentarios