Un bar das Insuas sofre dous roubos na máquina comecartos nunha semana

O autor ou autores retiraron nas dúas ocasións o bombín da porta para acceder ao negocio e levar o diñeiro do aparello
La máquina tragaperras. PORTO
photo_camera A máquina comecartos.

Un establecemento hostaleiro do barrio das Insuas de Sarria, o bar Sierra, sufriu dous roubos de madrugada en pouco máis dunha semana. Nos dous casos o autor ou autores foron directamente pola recadación da máquina comecartos.

O primeiro asalto ocorreu na madrugada do día 11, mentres que o segundo foi na deste luns. A dona do negocio sospeita que os dous roubos puideron ser obra das mesmas persoas, pois seguiron un modus operandi similar. Descoñécese se foron perpetrados por unha única persoa ou ben participaron máis.

Nas dúas ocasións o ladrón ou ladróns retiraron o bombín da porta do local, situado na rúa Fernando de Castro. Xa no interior romperon o comecartos pola parte superior, tras o que abriron a porta da máquina. Ao parecer, sorprendeu o método utilizado para abrir o comecartos, pola parte superior, pois é habitual que opten por forzar a porta. Para poder retirar a parte superior, o autor ou autores subíronse a unha cadeira, na que na primeira ocasión deixaron pegadas dos seus zapatos.

O día 11 fixéronse cun botín de 813 euros. Pola súa banda, o deste luns aínda está pendente de cuantificar, aínda que a propietaria do negocio calcula que podería haber ao redor de 400. "Deu tempo para que viñesen, arranxasen a máquina, puxesen ou depósito e despois puideron xogar uns 100 euros", sinala a hostaleira. Ante estes dous roubos seguidos a sarriá optou por retirar o comecartos.

Os delincuentes foron directamente pola máquina e non levaron o diñeiro da caixa rexistradora, que estaba aberta e na que había algunhas moedas. "Non tocaron en ningún outro sitio, só a porta e a máquina comecartos", conta. Nin a propietaria nin os veciños ouviron ningún ruído estraño nos dous roubos. A dona descubriu os dous asaltos ás mañás seguintes, cando se dispuña a abrir o establecemento. Atopouse coa máquina esnaquizada, pero a porta pechada e non se decatou de que retiraran o bombín ata achegarse a esta, explica a hostaleira, quen levou un bo susto. "O bombín de fóra sacárono e levárono ou ladrón ou ladróns", supoñen que por se deixaran pegadas.

Nada máis descubrir o roubo a hostaleira alertou á Garda Civil, que investiga os feitos para dar cos delincuentes. Ata o lugar tamén se desprazou a Policía Xudicial para tomar pegadas e realizar outras pescudas.

Antes destes dous asaltos o establecemento non sufrira outros. Únicamente fai uns dous anos intentaron forzar a porta, pero non o lograron.

PRECEDENTES. Os últimos roubos que transcenderon en Sarria ocorreron a principios de setembro, cando asaltaron nunha mesma madrugada preto dunha decena de garaxes. Víronse afectados estacionamentos de diversas rúas, como Formigueiros, Gran Vía ou a Avenida de Becerreá.

O autor ou autores roubaron en turismos, aínda que ao parecer o botín foi escaso e foron maiores os danos provocados nos vehículos.