Martes. 18.09.2018 |
El tiempo
Martes. 18.09.2018
El tiempo

A banda cordobesa Medina Azahara será a actuación estelar en Cedrón

Medina Azahara, nunha proba de son en Sarria no ano 2010. AEP
Medina Azahara, nunha proba de son en Sarria no ano 2010. AEP

Os veciños desta parroquia de Láncara, dunhas 70 casas, confían en reunir a numeroso público no concerto gratuíto que a formación de rock andaluz ofrecerá o vindeiro sábado

Oito anos despois do seu último concerto en Sarria, a banda cordobesa Medina Azahara volverá actuar na comarca, pero esta vez en Cedrón, unha parroquia do concello de Láncara dunhas 70 casas, cuxos veciños confían en reunir o vindeiro sábado a miles de persoas na que será a actuación estelar das súas festas patronais en honra a San Ramón.

O concerto, de entrada libre, forma parte da xira 2018 co disco Paraíso prohibido, o último álbum dunha banda con case 40 anos de historia e con títulos como Necesito respirar, Palabras de libertad ou Todo tiene su fin.

O seu rock andaluz comezará a soar en Cedrón o sábado, ao redor de medianoite, como peche duns festexos nos cales a comisión traballa desde o mes de febreiro. "Levamos meses cos preparativos porque é moi complicado organizar todo isto. Somos unha parroquia de 70 casas e uns 270 veciños empadroados. Gústanos que haxa boas festas e todo o mundo colabora porque, do contrario, sería imposible", explica.

Segundo comenta un dos organizadores, a localidade implícase con estes festexos, desde a persoa que cede o terreo para a festa ata os que ofrecen leiras para aparcadoiro, negocios da comarca que achegan o seu gran de area, voluntarios que atenden o bar da comisión, o Concello ou Protección Civil de Sarria.

Hai catro anos as festas de San Ramón de Cedrón deron un salto coa contratación da orquestra Olympus. Na seguinte edición foi a quenda de París de Noia e, en 2017, do grupo Camela, que congregou a 5.500 "persoas", aseguran os organizadores, que este ano esperan repetir o éxito con Medina Azahara.

Seguridade
O botellón estará prohibido
Por norma da organización e seguridade no concerto estará prohibido celebrar botellóns, dado que só se permite o uso de vasos de plástico e ningunha botella de cristal fóra da barra, afirma a comisión, que tamén deberá contratar a varios vixiantes.
Orzamento
As festas, cun orzamento total duns 30.000 euros, comezarán xa o xoves cunha churrascada popular e a música do cuarteto Lume. O venres haberá misa ás 13.00 horas e sesión vermú. Pola tarde terá lugar a exhibición de baile e, pola noite, verbena coas orquestas Samba e Palladium.
O sábado oficiarase outra misa, tras o cal o grupo Punto Clave animará a sesión vermú e a noite até o concerto de Medina Zahara. Ao seu termo, será a quenda do disco móbil de Glass Events.

A banda cordobesa Medina Azahara será a actuación estelar en Cedrón
Comentarios