O cemiterio de Paradela é o único con todas as lápidas en galego

O cemiterio parroquial acollerá un acto de reafirmación do idioma o día 31
Cemiterio de San Facundo de Ribas de Miño, situado xunto á igrexa
photo_camera Cemiterio de San Facundo de Ribas de Miño, situado xunto á igrexa

A Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística de Galicia e o Concello de Paradela, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, celebrarán o día 31 de outubro, na véspera das festividades de Todos os Santos e Defuntos, un acto para reafirmar o uso do idioma propio no único cemiterio da comunidade autónoma con todas as lápidas en galego. Segundo informaron os promotores desta iniciativa, tomouse a decisión de realizar este acto de reafirmación do idioma no cemiterio parroquial de San Facundo de Ribas de Miño.

O acto comezará na propia Casa do Concello de Paradela, ás doce do mediodía, onde o alcalde de localidade, José Manuel Mato, dará a benvida aos participantes e aos veciños do municipio que queiran sumarse ao mesmo. Posteriormente, os presentes que o desexen asinarán o acta de reafirmación de Galeguidade, dentro da iniciativa 'En Galego, agora e sempre', para declarar que queren que a súa despedida vital, funerais e todas as cerimonias de despedida da vida sexa feitas en galego.

O acto no concello finalizará coas palabras do presidente da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística, Xosé González Martínez, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García. Desde a capital municipal, os participantes desprazaranse ao cemiterio de San Facundo de Ribas de Miño, onde se descubrirá unha placa para deixar constancia desta celebración.

Os participantes visitarán o cemiterio e a igrexa, acompañados polo sacerdote e musicólogo Xesús Mato, premiado coa Medalla Castelao e Fillo Predilecto do Concello de Paradela. 

Comentarios