O Concello
A infraestrutura foi construída polos veciños fai unhas dúas décadas. Era utilizada como bar para as celebracións da parroquia, como as patronais de San Eufrasio, festas de Entroido e magostos, ademais de para organizar reunións ou outras iniciativas. A palloza foise deteriorando polo paso do tempo e hai varios meses colapsou.
As obras para rehabilitar a construción, a cal dispón dunha estrutura de madeira, contan cun orzamento de 18.250,75 euros, dos que o GDR achega o 70%, segundo informou o alcalde, Héctor Corujo.
A palloza foi construída polos veciños na primavera de 2003 en madeira e cunha cuberta vexetal. Estreárona en maio dese ano, nas patronais de San Eufrasio, para utilizala como bar para recadar fondos por parte da comisión das festas. O seu arranxo foi reclamado hai uns meses polo PSOE.
aplicación móbil. Na comarca de Sarria, ademais do Incio, forma parte do GDR Ribeira Sacra-Courel o concello de Triacastela. Neste caso o Concello recibiu unha axuda do plan Leader para o desenvolvemento dunha aplicación para o teléfono móbil de realidade aumentada para a promoción turística do municipio, tal e como indicou a alcaldesa, Olga Igrexas.
A actuación ten un custo de 6.999,85 euros e dispón dunha subvención de 2.400 euros, mentres que o Concello terá que achegar a contía restante.
A iniciativa é unha aplicación para que os peregrinos e turistas poidan coñecer un pouco máis deste concello situado en pleno Camiño de Santiago. Poderán acceder a vídeos e contidos para achegalos aos monumentos, pobos ou lugares do municipio.
Entre os proxectos aprobados polo GDR Ribeira Sacra-Courel figura tamén a posta en marcha por parte dun particular dunha pensión de tres estrelas en Triacastela.