Os avisos por velutinas crecen ata os 148 na comarca durante este ano

A empresa pública Seaga retirou xa 43 niños repartidos entre os sete concellos. Os bombeiros do parque comarcal sacaron 57, case o mesmo número que en todo o exercicio 2020
undefined
photo_camera Bombeiros retirando un niño de velutinas o pasado ano en Sarria. AEP

Os avisos por aparición de niños de avispa velutina crecen na comarca de Sarria e no que vai de ano recibíronse 148. A empresa pública Seaga retirou 43, mentres que os bombeiros do parque comarcal de Sarria 57.

Segundo datos facilitados por Vicepresidencia Primeira, ata o 25 de agosto recolléronse 148 alertas no conxunto da comarca, que foron recibidas desde o 012, o 112 e os propios concellos. Trátase dun 38% máis que no mesmo período de 2020, cando se recibiron 107.

O maior número de avisos corresponden ao municipio de Sarria, con 92, seguido do concello de Láncara (20), O Incio (15), Samos (10), Paradela (7), O Páramo (3) e Triacastela (1). Desde a administración autonómica aclaran que das alertas recibidas, ademais dos niños retirados, algunhas se corresponden con niños inactivos e noutros casos non procede actuación por tratarse doutras especies ou non visualizarse de forma directa. Así mesmo, pode haber avisos duplicados xa comunicados por outros cidadáns.

A empresa Seaga encárgase de retirar niños no marco do plan de loita contra a velutina acordado en 2020 pola Xunta e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp). Pola súa banda, os bombeiros ocúpanse daqueles que se atopan en lugares de risco para persoas, como vivendas, alpendres ou zonas de paso, ou ben en puntos non accesibles e é preciso empregar os medios do parque.

Desde Seaga sacaron no que vai de ano 43 (oito máis que en 2020). Unha parte importante das actuacións foron en Sarria (25), mentres que en Láncara retiraron dez e en Samos outros catro. En Paradela e O Incio eliminaron dous en cada concello. Pola súa banda, en O Páramo e Triacastela non tiveron por agora que sacar ningún.

Os niños localízanse xeralmente en árbores e, en segundo lugar, en edificacións, tal e como sinalan desde Vicepresidencia Primeira. Os situados a baixa altura —como chan, muros ou matogueira— supón unha porcentaxe pequena comparado con outras localizacións, engaden.

BOMBEIROS. Doutra banda, os bombeiros de Sarria xa retiraron durante este ano 57, datos da semana pasada. A estas alturas de 2020 sacaran 39, polo que en 2021 vívese un incremento do 46%. No que vai de ano case levan o mesmo número de niños eliminados que en todo 2020.

Sarria tamén é o municipio no que máis saídas tiveron, con 33. Unha gran parte dos niños que retiran atópanse en beirados de edificios, pero tamén os sacaron en alpendres ou fiestras. Estes efectivos atópanse que os lugares preferidos polas velutinas son zonas altas, pero cada vez máis detectan niños en puntos baixos, indican desde o parque comarcal.

Segundo sinalan, creceu de forma importante o número de actuacións por velutinas e agora practicamente teñen que saír todos os días por esta razón.

Metodoloxía
Marcadoras de aire comprimido ou pértegas
Para erradicar os niños desde Seaga empregan habitualmente insecticida en aerosol axustado nunha pértega de fibra de carbono. Para aqueles máis inaccesibles utilizan marcadoras de aire comprimido, informan desde a administración autonómica.

Tamén usan insecticidas os bombeiros sarriáns, tras o que introducen o niño nunha bolsa de plástico e sélana. No caso dos de gran tamaño encárganse de taponar o niño con espuma de poliuretano, a cal seca rapidamente e impide a saída das avispas. A continuación báixano, introducen nunha bolsa que selan.

Comentarios