A auga da traída de Renche, en Samos, non é apta para o consumo

A CHMS confirma que supera o índice de metais, polo que sería necesario tratala
Renche, en Samos. GOOGLE MAPS
photo_camera Renche, en Samos. GOOGLE MAPS

A calidade da auga do manancial de Toca, na parroquia samonense de Renche, non é apta para o consumo humano sen un tratamento previo de potabilización, xa que excede o contido en metais.

A Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS) realizou analíticas despois de que os veciños denunciasen que non podían usar a traída ao saír a auga turbia. Os resultados, no referente ao índice da presenza de metais, ditaminaron que supera os valores permitidos, polo que non é adecuada para o consumo humano, sen un tratamento de potabilización previo.

En canto á orixe dos metais, a CHMS manexa dúas hipótese. Unha tería que ver coa propia xeoloxía e mineraloxía do terreo. A outra, estaría asociada á tubaxe de captación, no caso de que estivese feita de aluminio ou ferro. O ente iniciou unha investigación complementaria para determinar a orixe destes metais, incluíndo mostras do arroio situado nas proximidades de Toca.

A captación está legalizada e o organismo de concas recorda que é responsabilidade do titular que as augas sexan aptas para o consumo.

A competencia da CHMS é investigar se se produciron verteduras ou algunha acción que dane o dominio público hidráulico. Neste caso, realizaron as análises ao haber unha denuncia previa sobre unha posible vertedura.

ORIXE. O pasado martes 23, residentes do núcleo de Toca puxeron en coñecemento do servizo de urxencias 112 e a Garda Civil que non podían empregar o abastecemento de auga porque saía turbia. Algúns veciños reclamaron solucións, posto que para realizar tarefas do fogar básicas debían saír a buscar auga ou comprala en establecementos.

Son unhas 25 persoas afectadas, algúns de avanzada idade e dependentes. A isto hai que sumar granxas con vacas, ovellas e cabras, e unha empresa de mel.

Comentarios