Atraco frustrado na Pobra: "Que me están roubando! Pecha a porta e chama á Garda Civil"

O ladrón apuntou cunha arma que resultou ser de balíns á empregada de Caixa Rural, que fuxiu e pediu auxilio nun bar. Foi arrestado pola Garda Civil coa axuda de dous veciños que o seguiron
La sucursal de A Pobra que sufrió el intento de atraco. VILA
photo_camera La sucursal de A Pobra que sufrió el intento de atraco. VILA

Un home de 47 anos foi detido este xoves na Pobra de San Xiao como presunto autor do intendo de atraco a unha sucursal. A empregada de Caixa Rural, quen ao parecer leva pouco máis dun mes neste destino, entrou correndo e moi axitada ao bar, cuxa propietaria pensou nun primeiro momento que alguén sufrira un infarto. Pero pronto saíu de dúbidas. "Que me están roubando, que me están roubando! Pecha a porta e chama á Garda Civil, gritaba a muller, mentres se refuxiaba detrás da barra e a dona chamaba ao 112. Foi "de película", di.

Un dos clientes seguiu ao presunto autor no seu coche mentres que outro o fixo a pé, sacándolle fotos co seu teléfono. Actuaron de forma instintiva. "Nese momento non o pensamos", conta un deles. O alcalde, Darío Piñeiro, agradeceu a "valentía" dos veciños e o traballo dos axentes da Garda Civil, que permitiu frustrar o atraco.

Detido tras intentar atracar o banco cunha arma de balines

O autor foi un home 47 anos de idade e veciño de Lugo.  A cuxa única empregada da sucursal foi ameazada cunha pistola, que finalmente resultou ser de balíns aínda que simulaba de fogo. O suceso produciuse ás dúas da tarde, nun momento no que non había ningún cliente na entidade.

O autor –que levaba lentes e gorra, vestía unha funda de traballo e tiña maquillada a cara para disimular as súas faccións– aproveitou que saía unha persoa do banco para entrar el. Dirixiuse á empregada e, apuntándolle coa pistola, indicoulle que era un atraco e que estivese tranquila.

Pediulle que lle abrise a caixa forte, ante o cal ela lle respondeu que non podía facer ese trámite, pero si abrir o caixeiro automático. No entanto, presentaba tal estado de nerviosismo que non era capaz de marcar a clave do caixeiro, segundo relatou despois ela mesma a outras persoas. Nun arranque de valentía, a muller díxolle ao atracador que marcase el o contrasinal mentres ela ía cantando os números que se lle viñan á cabeza. Nese momento, puido aproveitar un descoido do home para fuxir da oficina e pedir axuda no bar Avenida, que se atopa alén da rúa, onde se refuxiou. A responsable do establecemento telefonou de inmediato ao 112 mentres dous dos clientes saían tras o ladrón que, á súa vez, abandonara o banco sen ningún botín.

A colaboración destes dous veciños e a rápida intervención policial permitiu deter ao presunto autor nunha rúa paralela, logo de intentar fuxir por unhas leiras. Dous axentes da Garda Civil da Pobra, que acababan de finalizar a súa quenda de traballo, acudiron de inmediato vestidos de paisano e no coche particular dun deles, non sen antes coller as súas armas regulamentarias dado que a información que tiñan era que o atracador ía armado.

Puideron interceptalo e detelo tras ser identificado polas testemuñas. Adermás, recuperaron unha mochila que lanzara debaixo dun coche na súa fuxida e na que levaba a pistola utilizada no atraco, entre outros efectos. Nas proximidades tamén tiña estacionado un vehículo para abandonar o lugar, pero xa non tivo opción ao ser arrestado.

Comentarios