Domingo. 23.09.2018 |
El tiempo
Domingo. 23.09.2018
El tiempo

Rocío López apela á igualdade no seu pregón da Noite Meiga de Sarria

Rocío López, xunto a Violeta Bernardo, Xullo Francisco González e outras directivas de Meigas. R.C.A.
Rocío López, xunto a Violeta Bernardo, Xullo Francisco González e outras directivas de Meigas. R.C.A.

A escritora, presentada por Violeta Bernardo, recordou á fundadora da asociación

A escritora Rocío López Núñez, natural de Láncara e moi vinculada a Sarria, pronunciou este sábado o pregón da Noite Meiga, durante o cal lanzou unha mensaxe de igualdade. "Todos somos iguais, todos, absolutamente. Dá igual se é home, muller, rico, pobre, branco, negro, estudado ou non. Ou amor xurdiu para facernos iguais, e con prexuízos convertémonos en seres grises, sen alma, apagados, e sós", afirmou a pregoeira tras repasar a lenda que alimenta esta tradicional celebración sarriá, con 48 anos de historia.

Da súa presentación encargouse a escultora Violeta Bernardo, quen tivo a honra de abrir estes actos o pasado ano. Bernardo deulle a palabra " súa amiga" e sucesora entre os aplausos do público, que se congregou no anfiteatro do local social de Meigas e Grolos.

O acto, conducido por Vicky Pérez, contou tamén co presidente da asociación, Xullo Francisco González "Gua", e varias directivas, quen acompañaron na mesa a Rocío López.

A escritora recordou a algúns dos anteriores pregoeiros desta noite máxica, como Álvaro Cunqueiro, Xaime López Arias, Fiz Vergara Vilariño ou Uxío Novoneyra. Ademais, tivo mencións especiais para os seus familiares e para a fundadora de Meigas e Trasgos, Carmela González, unha muller "carismática" que "alá polo 1971 puxo a andar a festa que hoxe desfrutamos", indicou.

Rocío López debullou tamén algunhas das súas memorias vinculadas á Noite Meiga e concluíu a súa intervención animando a todo o público congregado no anfiteatro e aos visitantes en xeral a gozar "desta noite, desta vila xenerosa, porque Sarria é un pobo máxico", sentenciou.

Tras o pregón tivo lugar a tradicional cea e, xa de madrugada, estaba prevista a representación da danza, a cargo de membros de Meigas e Trasgos, e senllos concertos dos grupos Airiños dá Freba e Louband.

Rocío López apela á igualdade no seu pregón da Noite Meiga de Sarria
Comentarios