Así se fraguou a vitoria de Camiña Sarria

A agrupación de electores que encabeza Claudio Garrido venceu en 19 das 23 mesas electorais do municipio

Claudio Garrido. VILA
photo_camera Claudio Garrido. VILA

Os comicios do domingo supuxeron a revelación dunha fórmula ata agora pouco explorada na comarca sarriá: a agrupación de electores. Triunfou no concello do Páramo —onde previsiblemente dará a alcaldía a José LuIs López— e fixo o propio en Sarria, onde a lista de Claudio Garrido resultou tamén a máis votada, vencendo en nada menos que en 19 das 23 mesas electorais do municipio.

Pero, ¿como se fraguou esa vitoria? Constituída apenas dous meses antes dos comicios e sen medios como outros partidos para adoptar medidas como o envío a casa de papeletas, Camiña Sarria deseñou unha campaña centrada en gran parte no cara a cara.

Un dos seus grandes acertos foi a apertura dunha sede no bulevar de Calvo Sotelo, a zona máis céntrica da vila, con amplas ventás para ver o interior e animar a xente a entrar.

A pé de rúa, o exalcalde, os integrantes da lista e un gran número de colaboradores, falaron con múltiples veciños, organizaron encontros con colectivos, manexaron as redes sociais e puxeron en marcha un programa con mensaxes claras e directas.

A súa campaña foi a pé de rúa, con mensaxes claras e directas, e reunións con múltiples colectivos

Profesionais de distintos ámbitos, como o dereito ou a banca, integran esta candidatura, que obtivo os seus mellores resultados nas mesas da zona urbana, onde se concentran algúns dos principais problemas pendentes de resolución como Ponche Ribeira.

A agrupación do exalcalde socialista Claudio Garrido foi a máis votada en todas as mesas urbanas (incluída a de Vigo de Sarria), aínda que é certo que nalgúns casos —como dous das mesas do Concello ou a propia de Vigo de Sarria— a só un ou dous votos de distancia dos populares.

Tampouco lle foi nada mal na zona rural, que en moitas ocasións nutre o voto urbano e onde o exregidor centrou gran parte da súa campaña. Das once mesas repartidas polas parroquias, logrou imporse en sete. Nas outras catro —Froián, Callás, Vilamaior e Calvor— venceu o PP de José Antonio García, duplicando en apoios tanto en Froián (lugar natal do candidato) como en Callás. A mesa de Calvor, xunto á de Corvelle, foron as únicas co PSOE como segunda forza.

Camiña Sarria, que empatou en escanos co PP, impúxose a esta formación por 316 votos de diferenza, dos cales 245 foron cultivados na vila.

Como xa ocorrera nas eleccións de 2019, tamén houbo un voto maioritariamente urbano para o médico Benjamín Escontrela, que debe gran parte do concelleiro conseguido aos apoios que logrou neste ámbito.

Camiña Sarria foi a forza máis votada en todas as mesas do centro urbano e o PP mantivo mellor o tipo na zona rural

Pola súa banda, o BNG resultou o segundo partido máis votado en Callás, por detrás do PP e por diante de Camiña Sarria, superando tamén aos socialistas (os seus socios de goberno) nas tres mesas instaladas na casa consistorial, unha do colexio da Asunción e as de Vigo de Sarria, Froián, Callás, Vilamaior, Barbadelo e Santiago da Veiga.

Polo que respecta aos cinco partidos que quedaron sen representación, o que mellor resistiu na zona rural foi Ciudadanos.

Resultados Sarria

Comentarios