Aposta pola castaña e o mel

Dous novos cociñeiros ofrecen unha demostración para pór en valor estes produtos, que centran un club gastronómico co que dinamizar O Courel, Samos, O Incio e Triacastela
Demostración de cocina en Samos dentro de Destino Courel. PORTO
photo_camera El chef Nicolás López, durante la demostración. PORTO

A castaña e o mel foron este mércores as protagonistas en Samos dunha demostración culinaria e a presentación do novo club turístico gastronómico dentro de Destino Courel, o cal busca a promoción destes produtos e a dinamización dos catros concellos que forman parte deste xeodestino (Samos, Triacastela, O Incio e O Courel).

Neste club pódense integrar aqueles axentes dos catro municipios que estean interesados, como poden ser produtores de castaña e mel, transformadores, comercializadores  ou establecementos de hostalería, entre outros, segundo explicou Martín Alemparte, o xerente do Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Ribeira Sacra-Courel. O proxecto Destino Courel nace ao amparo desta entidade.

O club busca integrar os recursos gastronómicos vinculados cos dous produtos e o ámbito turístico. Para iso proxéctase crear un distintivo para diferenciar aos integrantes ou animar a introducir máis a castaña e o mel en hostalería. Con ese fin tivo lugar no Mesón Pontenova de Samos un ‘showcooking' no que "dúas novas promesas" da comarca sarriá na cociña, Nicolás López e Thadeu Castro, achegaron diversas formas de incluír nos pratos estes dous integredientes.

Os chefs elaboraron tres propostas, que son "comida da nosa terra, caseira". A primeira foi un ragú de verduras e castañas con puré de pataca, unha receita que pode ser de aproveitamento, "coas verduras que teñamos na neveira", indicaron.

De segundo prato prepararon un guiso de pito con castañas e, xa de sobremesa, ofreceron a posibilidade dunhas filloas recheas con nata e regadas con mel e noces e unha torta de queixo fresca con base de castañas machucadas e ‘topping' de crocante de mel.

Estas receitas puideron ser degustadas pola trintena de asistentes, entre os que estiveron os alcaldes de Samos, Xullo Galego; O Incio, Héctor Corujo; e O Courel, Lola Castro; e o presidente do GDR e rexedor de Bóveda, José Manuel Arias. Galego deu a benvida aos participantes e destacou que co proxecto os catro concellos contan cun "xeodestino propio" e permite "dinamizar" a zona.

Dentro de Destino Courel xa foron organizados senllos talleres de emprendemento e creación de experiencias turísticas en Triacastela e O Courel para impulsar iniciativas, que contaron cunha boa acollida.