JULIO GALLEGO

"O apoio ao rural é só de palabra, pero á hora dos feitos, nada"

Neste tempo no que os urbanitas miran con envexa o medio rural, o alcalde de Samos
reclama investimento, atención e feitos que garantan unha vida digna no campo

Julio Gallego. ARCHIVO
photo_camera Julio Gallego. ARCHIVO

O alcalde de samos di que nestes tempos raros pasa un coche cada cinco minutos. Vive pegado á actualidade, á espera das disposicións que marque a pandemia e intentando manter o ritmo de traballo do Concello na medida do posible. Valora a axuda dos veciños, dos que di que están concienciados e son responsables.

Como levan este tempo tan estraño en Samos?

De momento ben. Tivemos algún caso de coronavirus, pero sempre poucos e fóronse controlando.

Tiveron que cambiar moito o xeito de traballar no Concello?

Si. Nas oficinas estamos coa metade do persoal e o resto teletraballa desde a casa. A precaución ten que ser máxima. Puxemos na porta unha máquina de xel para desinfectar as mans, mamparas nas oficinas e as persoas entran de unha en unha.

Que tal o entenderon os veciños?

Moi ben. A xente é responsable e respecta as normas.

En canto aos traballos que realiza o Concello, puideron continuar ou tiveron que adialos?

As obras continúan. Os operarios están divididos en dous grupos para que non vaian todos xuntos e teñen que cumprir unha serie de medidas de seguridade establecidas.

En Samos hai moita poboación maior, supoño que nestes tempos terán que ter unha atención especial.

Si, hai bastante. Desde o Concello estamos atentos por se necesitan calquera cousa e lévaselles a onde faga falta.

Teñen especial coidado con algo?

Con non ir a festas, que é de onde saen os brotes. De momento tivemos bastante sorte, porque pasaron o Nadal e as matanzas e non se soubo de contaxios por ese motivo.

Chegou xente de fóra nos últimos meses na procura da tan valorada vida no rural?

Algunha si. Houbo xente que alugou casas, tanto no casco urbano de Samos como nalgunhas aldeas. Algúns son xubilados e outros xente máis nova.

Veñen cos pés na terra ou coa visión idílica da aldea?

Non sei, pero á aldea hai que habituarse. Ás veces pasa o día e non ves nin unha persoa e os servizos non son os mesmos que nunha cidade. Tamén ten moitas vanvantaxes. De feito, aquí temos moita dispersión e no tempo de confinamento a forma de vida pouco cambiou.

Eses servizos escasos dos que fala supoño que tamén os reclamarán os samanenses de toda a vida.

Por suposto. Por exemplo, a cobertura de móbil e de internet é moi deficiente. Só hai fibra no casco urbano e o resto só ten conexión por satélite e mala. Nalgún caso hai que sacar o teléfono pola ventá para buscar o sinal e non hai posibilidade de teletraballar con fluidez, nin sequera ver unha película a través de internet. As compañías deberían facer un estudo e ir aldea por aldea para dar servizo a todas. Moito se fala do apoio ao rural, pero é só de palabra, á hora dos feitos, nada.

Vostede protestaba hai pouco porque o banco só abría dous días. Amañouse iso?

Non, segue abrindo só ata as once da mañá. Iso aquí é un problema porque a xente maior non sabe facer os trámites de xeito telemático. Non lles podes pedir que faganunha transferencia co móbil. Hai colas todos os días na rúa. Os bancos cobran por todo, pero non dan un servizo en condicións.

Prestar servizos nas zonas rurais é moito máis caro que nas urbanas, pero son un dereito.

Claro. Hai que ver como se vive nas aldeas, con recursos moi limitados, para entendelo. En Samos temos 109 aldeas e un millón e pico de orzamento municipalDesconta o que vai para persoal, luz, lixo e catro cousas básicas e quedan cero euros para obras. Para manter o rural vivo hai que dar servizos. Pode que nun lugar só vivan tres persoas, pero teñen dereito a ter unha estrada coma se houbera máis.

Que obras ten previstas para os próximos meses?

Proxectos pequenos en estradas e melloras nalgunhas aldeas. Por exemplo, haberá actuacións nas estradas de Brea a O Mesón, Estraxiz (aquí tamén se vai acondicionar o local social por fóra), Vila do Castro, San Cristovo de Lóuzara, de Lusío a Toca, de Renche a Lourido, de A Veiga a Aián por Reiriz, de Formigueiros á Venda, un tramo no casco urbano, camiños en Santalla e Vilela, na zona da Rede Natura de Lóuzara, e acondicionamento da praza da igrexa de Formigueiros.

Cando todo pase e se poida mover libremente, que será o primeiro que faga?

Pois non sei. Saír, viaxar a algún sitio distinto.

Da xestión do gando á política 
Orixe
Julio Gallego Moure naceu en 1962 en Lourido Grande, na parroquia de Renche.
Profesión
É empresario gandeiro.
Traxectoria política
No ano 2003, encabezou por primeira vez a lista do PSOE en Samos, pero non accedeu á alcaldía ata as eleccións do 2007. Nestes comicios, o PSOE só conseguiu tres concelleiros, pero arrebatoulle o bastón de mando ao PP co apoio de dous edís de Terra Galega e dun do Partido Galeguista. Nas seguintes eleccións municipais, no ano 2011, acadou a maioría absoluta para o PSOE e logrou revalidala ata a actualidade.
Antecedentes
O gusto pola política herdouno, posiblemente, do seu pai, Julio Gallego Losada, que tamén foi alcalde de Samos tras as eleccións de 1983.

Comentarios