Antón Lopo: "Os premios cobren a falta dunha auténtica política cultural galega"

O escritor, xornalista e actor monfortino Antón Lopo acaba de gañar o vixésimo segundo premio de poesía Fiz Vergara Vilariño. É convocado polo Concello de Sarria e a asociación Ergueitas na honra deste poeta samanense, co que o gañador tivo unha gran proximidade.

O xurado elixiu a obra de Antón Lopo entre as 67 presentadas ao Fiz Vergara, dotado con 6.000 euros e a publicación do libro. 

O escritor Antón Lopo. TONO ARIAS
O escritor Antón Lopo. TONO ARIAS

Que supón obter este premio? 
É difícil contestar porque nesta pregunta se xuntan demasiadas variables. Sobre todo, o premio permíteme renovar e consolidar lazos afectivos. A rapazada de Sarria forma parte da miña paisaxe adolescente porque compartiamos estudos no instituto de Monforte. Algúns dos meus mellores amigos de entón eran de Sarria e sigo mantendo unha estreita relación con ese excepcional grupo de poetas sarriaos que abrangue de Manuel Darriba a Antón Fortes, pasando por Luís López Alonso. Sarria vive unha idade de ouro na poesía. Ao tempo, é unha oportunidade para unirme á comunidade poética do premio, que naceu con Marica Campo e se prolonga ata Lupe Gómez. 

Falou hai uns días en Sarria da súa proximidade a Fiz Vergara e Santalla, que lle une? 
Todos somos fíos dunha memoria colectiva e tiven a sorte de ganduxar na miña memoria ao Fiz. Entrevisteino cando traballaba de periodista e tiven a fortuna de xantar na súa casa de Santalla. Nunha etapa da miña vida eu quería vivir en Lóuzara e el acolleume. Fascinábame o val e a auga do río, xélida e verdosa. Tamén me fascinaba a néboa e a súa distancia. Nunca esquecerei a primeira vez que entrei na cova de Santalla. Desde entón, manteño coa rexión unha unión xeográfica sentimental. En Santalla intervimos as Redes Escarlata cunha radical acción poética e na escola de Santalla representei ‘Lampíricos’, unha performance coa que percorrín durante seis meses as serras orientais galegas, desde a Trapa ao Courel e á Fonsagrada. 

Como xurdiu a idea do poemario? 
Concibino arredor do feito máis extraordinario ao que imos asistir: a vida e os partos que a lindan: o nacemento e a morte. Son tan semellantes entre si que ás veces non se distinguen ben. Situeime nun espazo difuminado dun e doutra, na gravidez e na terminalidade, e indaguei desde alí. En realidade nada comeza nin nada acaba. O finito é pura fantasía. 

Por que o título Diarios/1 [Azul Monforte]? 
É o reflexo dunha obra con aspecto de diario (ficcional, por suposto) que abrangue un período de tempo determinado a través de distintas visións do azul: a profundidade do ceo en Monforte ou o estado sempre transitorio do azul en Compostela. 

O libro está concibido arredor do feito máis extraordinario ao que imos asistir: a vida, o nacemento e a morte

Vostede traballa distintos xéneros, tamén quixo levalo a este poemario xa que o xurado dixo que "a voz poética derruba as fronteiras entre xéneros literarios"? 
O xurado foi moi xeneroso na valoración do libro e eu agradézolle as súas palabras. Por outro lado, creo que as fronteiras dos xéneros deixaron de existir hai tempo e que a poesía, como non é estritamente literatura, ten vantaxes. Sobreviviu miles de anos aos avatares da historia, aos caprichos científicos e ao coñecemento empírico sen perder un só dos indicadores que a caracterizan. Non hai un artefacto máis eficaz desde o punto de vista político ou estético. 

Ten levado varios premios, un dos seus alicientes é publicar a obra? 
Os premios cobren a falta dunha auténtica política cultural en Galicia. Nese sentido, concellos como o de Sarria e asociacións como Ergueitas asumiron o reto de soster a visibilidade da poesía, un dos elementos vertebradores da identidade do país. Por suposto, publicar é un aliciente, máis tratándose de Espiral Maior, un selo clave nas estratexias editoriais das últimas décadas. 

Con que xénero goza máis a hora de escribir? 
A escrita proporcionoume momentos de felicidade inmensa, sen distinguir se me deslizaba na superficie da poesía, da narrativa, do teatro ou da literatura documental. Tiven tamén a fortuna de poder adentrarme pola senda da performance, que marcou de maneira definitiva a miña forma de entender o traballo do artista. Aprendín a pensar máis alá do corpo. Aprendín a manterme en pé. 

É un dos promotores do proxecto Chan da Pólvora e dirixe a editorial, por que de poesía? 
É elemento vertebrador do país e permítenos observar varios lugares ao mesmo tempo. O asombro é o que nos mostra a complexidade do mundo e, por tanto, a nosa propia complexidade. 

Como ve a poesía galega actual? 
É unha referencia internacional. Non o digo só eu. Dío a crítica. O máis impresionante é que a inmensa maioría dos galegos non o saiban, nin sintan curiosidade por un fenómeno que supera en pericia as mellores xogadas do mellor equipo de fútbol. Ultimamente, aos galegos parece que só lles interesan os centros comerciais. Resulta chocante porque a poesía dos centros comerciais sempre ten a mesma luz, plana.

Comentarios