Antón Fortes: "Son versos contundentes porque ves o nivel de maldade humana"

O sarriao, catedrático de Lingua e Literatura xubilado, publicou este mes nova obra poética na que trata temas como os xenocidios do pasado século. Afastado da política dende 2019, o exconcelleiro di que non volvería e vive unha etapa de plenitude creativa.
Antón Fortes, co novo libro, na Praza da Vila de Sarria. VILA
photo_camera Antón Fortes, co novo libro, na Praza da Vila de Sarria. VILA

TRAS PUBLICAR no 2019 Ofelia sen dó, gañador do premio Leiras Pulpeiro, o sarriao Antón Fortes saca do prelo con Através Editora o libro Gris Cinza-Barbárie, Crisântemos e um Urbano Lugrís, ao que seguirá nos vindeiros meses outro traballo de temática amorosa-erótica, produto da pandemia.

Cales foron as circunstancias nas que xurdiu a súa nova obra?
Foi un pouco á raíz do falecemento de meus pais. Deixas todo, a educación, a política, a familia… hai como unha catarse, de aí ven un pouco o título. Crisântemos é xustamente referido á parte de perda. Logo ten unha parte sociohistórica bastante potente. Levo pensando moito tempo en que a poesía ultimamente non toca esta vertente social. Con todos os acontecementos tan brutais que pasaron no século XX e a situación que hai agora, con problemas por todas partes, o de Ucrania. Foi unha aposta por intentar poñer en verso esa parte social.

Son dous poemarios nun só libro?
Si, dous poemarios totalmente distintos e de distinta época. Gris Cinza leva dez anos no caixón. Barbarie é do 2017 para adiante. Os dous xogan cunha parte sociohistórica, unha persoal e outra de análise. A parte histórica de Gris Cinza ten moitísimo que ver con todo o que pasou no século XX. Interésame a parte da brutalidade humana, dos puntos aos que chega. Moitos deses poemas son prosa poética. Collo todos cos xenocidios, a Guerra Civil, o nazismo, Ruanda, os Balcáns… todo iso poetizado. Son versos contundentes porque o que estás vendo é o nivel de maldade que conleva ese exterminio.

É unha poesía amarga?
Si, aínda que no meu día a día non estea esta amargura, como pensador entre comiñas son bastante escéptico. Vexo que a historia non nos dá resolto os problemas. En pleno século da razón, da ciencia e da cultura que haxa hecatombes como o holocausto faite pensar que o ser humano ten un compoñente de tánatos, de morte e de destrución brutal. Tamén vexo actitudes que dan un pouquiño de medo como o comportamento cos inmigrantes, a situación de sálvese quen poda, dos egoísmos nacionalistas, toda esta historia faime velo todo cun certo esceptismo e amargura. Vese tamén na forma, son versos bastante fragmentados, hai unha desestrutura sintáctica potente.

Cal é o seu obxectivo? Denunciar?
Sobre todo advertir. E como están aflorando determinadas condutas: o trato coa inmigración, coa homosexualidade... Está habendo unha especie de volta á violencia porque si e parece que non pasa nada. A ultradereita ou ultraesquerda está subindo nalgúns países e parece que non hai ningún risco. É un pouco alertar.

Ve risco de que volva pasar?
Si, a historia está demostrando ela mesma que se repite. Por iso esa parte de escepticismo no sentido de que non aprendemos nada e de que compoñente hai no ser humano que te leva a esa barbarie.

En que lingua está escrita a obra?
Agora os lusistas chamámoslle a variante galega do portugués.

Iso ábrelle novos mercados?
Si. A nivel de escrita os lusistas pasamos momentos fastidiados. Condicionoume moitísimo á hora de publicar, porque había moi poucas editoras que publicaran en reintegrado, e tamén porque era unha especie de esquizofrenia: estabas explicando unha norma aos teus alumnos e publicando noutra. Agora foi unha liberación, porque non teño que darlle xplicacións a ninguén. Por máis que diga a Xunta, o galego estase perdendo. Creo que se non aposta por un achegamento á lusofonía no 2050 quedará como unha lingua institucional. É unha mágoa que levamos 40 anos perdidos nos que se podería ter ensinado o portugués como o inglés e o francés nas escolas. As editoriais tamén teñen que optar pola normativa se queren ter unha subvención e logo hai todo un rollo de poder entre as elites intelectuais e culturais galegas. Os que están aplotronados na normativa están moi cómodos.

No 2020 Chan da Pólvora reeditou Figuras masculinas de meio-corpo. Que supuxo para vostede?
Esta obra publicouse no 1997, pero xa a escribira nos 80. Estivo 12 anos no caixón, primeiro pola temática, porque naquela época non era tan doado falar de homosexualidade como agora, e logo pola ortografía. Que unha editorial se interese tantos anos despois animoume moito.

Bota de menos a política?
A política local non, e pensei que a ía botar de menos, como botei de menos o primeiro ano a educación. Tamén me dei conta do tempo que che rouba e de como te absorbe, ata na maneira de andar pola vila. Agora ao mellor vexo a lúa e non vexo as luces apagadas.

Volvín no 2011 por 'encabronamento' e quedoume a espiña de ter cedido a concellaría de cultura ante o BNG

Cambioulle a perspectiva ao velo dende fóra?
Non, creo que en Sarria o pobo ten mala sorte cos políticos, e inclúome (ri). Segundo atopei na última lexislatura a persoas cunha distancia ideolóxica considerable pero con valores e ética, na maior parte é unha clase política que non me gusta. E estou convencido de que hai outros sitios nos que non se dan personaxes como se dan aquí e que condicionan tanto o devir social de Sarria. En xeral creo que levamos 25 anos repetindo nomes, condutas e actitudes.

Volvería presentarse?
Non. Volvín no 2011 por puro encabronamento con condutas de determinado individuo que aí está, non se podía tolerar que nos tomaran o pelo desa maneira. E enganchei oito anos. Non volvería, tería que aparecer unha manda de merlos brancos. Só teño a espiña de ter cedido ante o BNG na concellaría de cultura, foi un erro. Estou obsesionado con facer a Ruta da Desfeita en Sarria e creo que a concelleira de cultura está polo labor, a ver se desta vai.

Comentarios