Os antitaurinos deixan o pleno de Sarria ao berro de "abolición" e "asasinos"

Abandonaron a sesión ao non prosperar a moción para declarar o concello 'libre de touradas' e mantiveron a protesta fóra

Un grupo numeroso de antitaurinos abandonou este xoves o pleno de Sarria ao berro de "abolición" e "asasinos" tras non prosperar unha moción do BNG e a concelleira non adscrita Silvia Vázquez para declarar o concello "libre de touradas".

O colectivo mantivo a protesta durante un longo intre, primeiro desde o exterior da sala e, ao ser invitados a saír pola Policía Local, desde fóra do consistorio, facendo soar forte a súa voz e pegados ás ventás nun suposto intento de forzar a suspensión do pleno, o cal continuou ata o final a pesar de que case non era perceptible o que se dicía no interior do salón.

A moción, que foi a pleno por segunda vez este mandato, tivo o mesmo resultado que na ocasión anterior. Foi apoiada polos dous edís nacionalistas e o non adscritos Silvia Vázquez e Antón Fortes. Os concelleiros do PP e o independente votaron en contra e os socialistas abstivéronse, do mesmo xeito que fixo o non adscrito Benjamín Escontrela.

Todos recoñeceron que era unha votación "simbólica" e non vinculante, pero servía para deixar clara a postura de cada un. E aquí sucedéronse os reproches. A oposición utilizou como munición contra o goberno a existencia dun decreto de alcaldía de maio que dá tramitación preferente a este tipo de espectáculos, á vez que acusou ao BNG de ser "cómplice" do seu socio nesta materia e de "incongruencia".

"Eu persoalmente non pararei ata conseguir a abolición total das touradas", defendeu o nacionalista Efrén Castro. O portavoz do PSOE, Diego López, aludiu ás distintas "sensibilidades" nos partidos e ao pacto de goberno para non financiar as corridas taurinas en Sarria. Argumentou tamén que "se non houbo touros en San Xoán foi porque se buscou ou intentou que non vos houbera, pero hai que cumprir a lei".

Antes do pleno os antitaurinos participaron nunha concentración diante do consistorio, con participación de representantes de En Marea, Podemos ou BNG. Leuse un manifesto instando a concelleiros e deputados autonómicos e do Congreso a parar "dunha vez por todas esta barbarie". Ao mesmo tempo animaron á cidadanía a participar o domingo nunha nova concentración, a cal será ante a praza de touros.

MOCIÓNS. No pleno tamén se debateron sendas mocións do PP para reprobar ao goberno, as cales recibiron o apoio de todos os grupos da oposición.

Unha primeira reprobou á alcaldesa pola xestión do aluguer dunha nave na Rúa Formigueiros, que acabou nunha sentenza condenatoria para o Concello. Tamén se pediu que a rexedora abonase os "40.000 euros" que lle custará ás arcas municipais. A oposición acusouna de non realizar un desaloxo legal, mentres que a alcaldesa defendeu que a xestión foi "correcta" e que recorrerá o fallo xudicial.

A outra reprobación ao concelleiro de medio rural e o resto da xunta de goberno debeuse á posible perda dunha subvención da Xunta para mellorar cinco pistas por non facer os traballos en prazo. O edil dixo que a día de hoxe a subvención está "xustificada e paga" e que quen debería ser reprobado é o presidente do ente autonómico por "recortar" as axudas para medio rural.

Por unanimidade foi aprobada unha moción do PSOE para pedir máis medios na loita contra a avispa velutina.

Comentarios