A antiga prisión acolle unha mostra de fotos sobre a beleza real feminina

A exposición 'Inmarcesibles' pode visitarse en Sarria ata o día 20
Generated by  IJG JPEG Library
Generated by  IJG JPEG Library
photo_camera A motra na antiga prisión comarcal de Sarria está aberta de 9.15 a 14.00 horas. EP

A antiga prisión comarcal de Sarria, onde se localiza a oficina municipal de turismo, acolle ata o vindeiro día 20 a exposición fotográfica Inmarcesibles, un proxecto dos Servizos Sociais do Concello de Sober que pretende amosar a beleza real feminina.

A mostra, con imaxes realizadas pola fotógrafa María Fernández, contou coa participación libre de diferentes mulleres que quixeron amosarse tal e como son, defendendo todo tipo de corpos femininos, reivindicando a súa aceptación e mostrando o sexo feminino tal e como é, e non como pretenden que sexa.

Inmarcesibles invita a reflexionar sobre a exclusión invisible que experimenta o sexo feminino cando falamos do seu físico. Exclusión porque nos ensinan que o corpo da muller debe ser o máis parecido posible ao canon de beleza establecido, loitando para conseguir encaixar neses parámetros e rexeitando se non o logran; e invisible porque dita ensinanza non se transmite de forma directa, pois é silenciosa e sutil, maquillándose baixo a premisa de que a muller debe ser libre e ten que estar preocupada por unha axeitada saúde física e mental", explican os organizadores da mostra.

En Sarria pode visitarse en horario de 9.15 a 14.00. As persoas interesadas en acudir noutro momento do día poden consultar a dispoñibilidade nos teléfonos 982.53.06.68 ou 982.53.50.00.

Inmarcesibles é unha exposición itinerante que conta con financiamento do Ministerio de Igualdad a través do Pacto de Estado contra la Violencia de Género.

Comentarios