O renacer da asociación cultural Val de Láncara cumpre un ano de vida

Varios rapaces asumiron en 2020 a xestión dunha entidade que, desde entón, non parou de facer actividades coas que rexurdir o rural
Actividade de piragüismo polo Neira. .S. IGLESIA
photo_camera Actividade de piragüismo polo Neira. .S. IGLESIA

Os comezos nunca son sinxelos e menos cando o que os rodea é un contexto pandémico que parou o mundo. Iso non fixo que unha morea de rapaces se botara atrás na súa idea de rexurdir a asociación cultural Val de Láncara, unha entidade histórica que, pese a non estar paralizada, si precisaba aires novos cos que volver a arrancar. Así que, mans á obra, en agosto de 2020 máis dunha vintena de mozos deron forma a unha longa lista de actividades culturais, deportivas e lúdicas coas que encher tódolos meses do ano.

De feito, hai tempo que non se recorda en Láncara un verán tan activo como o que está a piques de rematar. As xornadas de piragüismo na área recreativa, a carón do Neira, e as actuacións musicais, como a de La Penúltima Sabinera, a do lancarés José Manuel Brea ou a do grupo de música e baile do colectivo este pasado venres, conquistaron a un bo número de persoas de tódalas idades. Pero tamén as sesións de cine ao aire libre, como as proxeccións de Cuñados e Ons, con flocos de millo a cargo da asociación incluídos; os xogos tradicionais para grandes e pequenos; e o humor de Oswaldo Digón e Brais Doval non se quedaron atrás e reuniron a decenas de persoas.

"A xente xa tiña ganas de saír da casa e facer cousas", din desde un colectivo que, pese a que comezou a súa andaina "anulando actividades", axiña colleu ritmo para pórse ao día.

A cabalgata de Reis porta a porta, o Entroido e os obradoiros virtuais, os contacontos, a celebración das Letras Galegas nos colexios do Páramo, A Pobra de San Xiao e O Corgo –que enviaron 90 traballos–, a versión actualizada do lume novo ou as camiñadas ecolóxicas e polo Camiño Real –desde O Furco ata a ponte romana de Carracedo e desde aí ata a ponte de Lagos– serviron para ir quentando motores de cara ao verán, cuxo prato forte –un de moitos– foi a homenaxe á Festa da Malla de Láncara, na que se sustituíu a palla por fotografías e o traballo por música.

"Ao principio non sabes como vai responder a xente, pero agora facemos un balance moi positivo", expresan os integrantes dunha asociación "aberta", na que non só a directiva aporta ideas. "Temos un grupo de Whatsapp con máis de 30 persoas e cada un vai aportando o seu graíño de area".

Superando os 200 socios, e incorporando cada día máis, Val de Láncara xa proxecta como vai ser o seu outono. "Temos que ir preparando o premio Facer país", avanzan, "que despois de dous anos sen celebralo xa hai ganas", ademais de ter en mente o Magosto, a actuación dunha charanga e dun espectáculo de maxia para o 5 de setembro –coincidindo coas patronais da parroquia–, e un curso de transformación de plantas medicinais para finais de setembro e comezos de outubro na antiga escola da parroquia.

Preto dun vintena de actividades as que xa van alá, e as que quedan, para todos os gustos e idades que foron promovidas por xente nova que convidou ao rural lancarés a revivir coma nunca antes.

Comentarios