domingo. 25.08.2019 |
El tiempo
domingo. 25.08.2019
El tiempo

Alugar en Sarria, case imposible nos últimos anos

Vista aérea da localidade de Sarria. AEP
Vista aérea da localidade de Sarria. AEP

Cae a oferta de pisos para arrendar na vila pola escaseza de construción, estancada desde 2007, e pola proliferación de vivendas de uso turístico, das que hai unha trintena

Sarria converteuse nunha vila na que resulta case imposible alugar un piso durante máis dun mes. Diferentes fontes apuntan a dúas hipóteses: o pouco movemento do sector da construción e o auxe das vivendas de uso turístico na localidade.

As inmobiliarias sarriás practicamente non dispoñen de pisos para arrendar. O número de vivendas ofertables comezou a decrecer desde hai dous anos, aínda que 2018 foi o punto de inflexión, pasando a dispor de case a metade. A maioría das solicitudes atópanse entre os mozos e os domicilios máis demandados son apartamentos; é dicir, vivendas de 60 ou 70 metros cadrados con dous dormitorios.

Desde a inmobiliara Moreno explican que dispoñen "dun par (de pisos) de carácter temporal e tres ou catro de longa duración" e que cando teñen algún dispoñible conseguen alugalo case de inmediato. Pola súa banda, na inmobiliaria Sierra sofren unha experiencia parecida. Contan con tres pisos arrendables, cando na mesma data do ano anterior dispuñan do dobre. Do mesmo xeito que a súa homóloga, aseguran que "cando entra un piso novo, en dous días témolo alugado", debido á alta demanda.

Unha das causas da falta de vivendas para alugar é a escaseza de construción na vila, apuntan desde unha das inmobiliarias. O delegado na comarca da Asociación Provincial de Empresarios da Construción (Apec), Luís Parga, afirma que entre os factores desta situación está a "falta de capacidade económica dous compradores", posto que para que os promotores poidan ter beneficios, débese partir de prezos "entre os 80.000 e 100.000 euros". Ademais, engade que o aluguer non se ve como unha saída viable para futuros donos, xa que "cunha renda de 200 ou 300 euros ao mes, non é rendible".

O número de vivendas de aluguer nas inmobiliarias comezou a decrecer hai dous anos e agora dispoñen de case a metade que en 2018

Con todo, Parga achaca os altos custos á falta de chan urbanizable. "Estamos pendentes da segunda fase do polígono", comenta, aínda que a día de hoxe veo como unha idea onírica, logo de sentirse defraudado coas promesas dos diferentes gobernos locais ao longo do tempo. En definitiva, asegura que "hai poucos solares e caros", o que produce o estancamento no sector.

Por outra banda está o auxe dos pisos de uso turístico, que na actualidade xa son 30 os inscritos no directorio de aloxamentos turísticos da Xunta de Galicia; 26 dos mesmos están dispoñibles durante todo o ano.

Aplicacións como Airbnb ou Booking.com, que tanta controversia crean en Madrid ou Barcelona, son un atractivo para persoas que deciden pasar pouco tempo na vila, sendo o máximo legal de 31 días. Os prezos oscilan desde os 20 aos 120 euros por día, dependendo do tipo de vivenda ou os servizos solicitados.

"O meu pai tiña unhas vivendas alugadas para longas estancias e debido a problemas cos pagos e os danos que causaban os inquilinos decidiu dar o salto", comenta un propietario que desde hai catro anos aluga pisos de uso turístico, chegando a establecer unha empresa con este fin.

Outra arrendadora, comprou un piso e inscribiuno hai un ano como de uso turístico. "Ao principio tiña medo. Mais agora estou contenta; a xente que vén é moi coidadosa", sentenza.

Alugar en Sarria, case imposible nos últimos anos
Comentarios