O alcalde de Sarria censura a falta de contestación da Xunta sobre o traslado de clases

Garrido incidiu en que se debe "acreditar documentalmente" para "dar garantías aos pais, aos alumnos e aos profesores"
Claudio Garrido. VILA
photo_camera Claudio Garrido. VILA

O alcalde de Sarria, Claudio Garrido, cualificou de lamentable "e vergoñoso" a falta de resposta da Consellería de Cultura, Educación e Universidade ao requirimento remitido polo Goberno local sobre a legalidade de trasladar as clases do Frei Luís de Granada á Escola Fogar, a falta dun día para arrincar a actividade lectiva en Galicia. 

Garrido recordou que os técnicos municipais emitiron un informe a través da comisión de seguimento das obras do centro "onde deixan claro que (a Escola Fogar) ten problemas de accesibilidade", ao carecer de ascensor e outro tipo de elementos. 

"Por parte do técnico (municipal) déixase claro que, previo ao comezo da actividade das clases mañá día 10, deberíanlle enviar ao concello unha comunicación na cal digan claramente si reúne as condicións e cumprimento de toda a normativa vixente na actividade escolar", encareceu. 

Garrido incidiu en que se debe "acreditar documentalmente" esta circunstancia para "dar garantías aos pais, aos alumnos e aos profesores", e lamentou a de falta "de respecto" á Xunta por darlle "as costas desde o mes de marzo (cando comezaron as obras de apontoamento) ao Concello de Sarria e á comisión de seguimento (onde están tamén os pais)". 

Ademais da Escola Fogar, Garrido puxo en dúbida as obras de reforma "estrutural" que afronta o colexio. "Teñen as súas dificultades como veremos cando nos chegue o informe que pediu o concello, sobre esa reforma estrutural que ofrece moitas dúbidas, pero ante a recolocación (de parte do alumnado na Escola Fogar) non se acredita o cumprimento das normas legais e non se garante aos pais ese cumprimento", clamou finalmente.

Comentarios