O alcalde de Sarria garante un "control exhaustivo" sobre o colexio Frei Luis ante as obras

Labores de retirada de los puntales del interior del colegio Frei Luis de Granada de Sarria. EP
photo_camera Labores de retirada dos puntais do interior do colexio Frei Luís de Granada de Sarria. EP

O alcalde de Sarria, Claudio Garrio, comprometeu un "control exhaustivo" sobre o colexio Frei Luis de Granada, que está parcialmente apontoado e no que se realizarán obras. O rexedor reprochou á Xunta que "o problema é o mesmo que había no centro en 2011" e dixo ver "lamentable que nese mesmo ano un informe da consultoría Inveco xa dixese cales eran as decisións que había que tomar para resolver o problema estrutural, que é a causa do que vén agora". 

Dito isto, anunciou un "control exhaustivo" e que serán "vixiantes cun tema importante", porque, subliñou, "non é de recibo que un tema que tivo a gravidade que tivo naquel momento, que estivo desaloxado durante varios meses, ao final non se fixese absolutamente nada nunha especie de engano e de desprezo aos cidadáns sobre o máis importante que é a seguridade dos usuarios". Ademais, acusa á Xunta "dunha actuación neglixente no canto de tomar medidas". 

Nestes momentos, o Concello de Sarria colabora coa Consellería de Educación para deixar libre a Escola Fogar, onde se recolocarán parte dos 367 alumnos escolarizados, "para que se poñan canto antes as clases e reabrir a actividade académica e docente". O delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, sinalou o luns que o día 3 poderían retomarse as clases con normalidade

Pola súa banda, o portavoz do BNG no Concello de Sarria e na Deputación de Lugo, Efrén Castro, apelou a unha "solución que dea seguridade, que pasa por reforzar as estruturas". "E logo, se hai que pensar que é un colexio antigo, construído con defectos recoñecido polos técnicos, hai que exporse a construción dun novo centro adaptado ás necesidades de 2020", dixo.

Comentarios