martes. 24.11.2020 |
El tiempo
martes. 24.11.2020
El tiempo

Alarma ao caer unha fiestra en Sarria desde un cuarto piso

O lugar do incidente. EP
O lugar do incidente. EP
O suceso ocorreu na Rúa Lugo e sen causar feridos. Vecinos piden o arranxo do edificio

A fiestra dun cuarto piso dun edificio da Rúa Lugo -unha vía perpendicular a Calvo Sotelo- caeu este venres á rúa, aínda que afortunadamente no momento do suceso non transitaba ninguén polo viario e non houbo que lamentar danos persoais.

Unha veciña decatouse do incidente sobre a unha e media da tarde ao atoparse co marco e os restos dos cristais na rúa. "Non caeu encima de ninguén de casualidade. Se lle cae a alguén mátao ao ser desde un cuarto piso", aseguraba outra sarriá, quen comunicou ao Concello o suceso.

Residentes na zona reclamaron ao Concello que tome medidas ao ser, afirmaron, o responsable desta parte do inmoble. Segundo explicaron, hai anos un veciño denunciou que o edificio incumpría as alturas concedidas e un xulgado condenou ao Concello "a demoler o terceiro e cuarto piso", así como o faiado. Estas plantas quedaran entón sen finalizar e actualmente só están habitadas a primeira e segunda, nas que residen tres familias.

A polémica coa construción comezou fai uns 30 anos, recordaron, e queixáronse de que desde entón o Concello non tomase ningunha medida. Vecinos sosteñen que en múltiples ocasións pediron, en diferentes mandatos, unha solución ao Concello, sen que se dese. Presentaron, afirmaron, fotografías e vídeos e levantaron unha acta notarial para comunicarlle o mal estado das plantas terceira e cuarta.

Nunha ocasión o Concello si arranxou a terraza, xa que había filtracións de auga. Agora, ao caer a fiestra, "vai entrar a auga dentro e caerlles aos veciños", lamentaron. Ademais, o tellado atópase "en mal estado" e temen que outras fiestras acaben tamén precipitándose á vía.

Unha veciña asegurou que xa hai un tempo houbo desprendementos da fachada, causando danos materiais. Os restos provocaron danos nun vehículo estacionado na rúa.

Alarma ao caer unha fiestra en Sarria desde un cuarto piso
comentarios