Seis agrupacións actuarán o 14 de setembro no festival Garitosis

A novena edición do evento, presentado durante unha festa en Sarria, terá tamén durante a tarde actividades para os nenos
2019073117304744553
photo_camera Festa de presentación do festival. EP

A asociación cultural Rúa da Música organizará o próximo 14 de setembro en Sarria o festival Garitosis, que na súa novena edición reunirá a seis grupos.

O colectivo presentou o programa do evento durante unha festa que tivo lugar na praza da igrexa de Santa Mariña. Celebración que contou, na sesión vermú, con The Wireless, unha banda tributo ao músico jamaicano Bob Marley. Pola tarde organizouse unha jam session, na que actuaron os músicos da asociación.

O festival, que é de entrada gratuíta, desenvolverase ao longo de todo o día. Será presumiblemente na Praza da Vila, aínda que a súa localización non está pechada. Dará comezo cunha sesión vermú, mentres que pola tarde haberá actividades para nenos. O certame pecharase pola noite con concertos.

Garitosis naceu hai nove anos para "crear un espazo onde puideran tocar os grupos sarriaos que ensaian e forman parte da Rúa da Música, dando a coñecer a actividade e a creación musical da asociación", explicaron desde o colectivo. Nesta edición as bandas locais serán Malditos Roedores, Acapulpo 94 e Louband.

Segundo recordaron desde a entidade, o festival "foi crecendo, diversificando os seus estilos e contando coa participación de grupos que xa pasaran polo local da asociación previamente". Nesta ocasión será o caso de TanDub, formación ourensá que naceu do encontro entre músicos de Galicia e Marrocos.

O programa completarase con Mad Martin Trío e Stephen Dálle Petit. O primeiro grupo debutou en 2014 co disco It was a very good year e un ano máis tarde foi o gañador en Madrid do concurso Azkena Rock Party. Pola súa banda, Stephen Dale Petit é guitarrista, cantante, compositor e músico de blues nacido en California e residente en Londres.

Comentarios